Follas caídas

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

Martina Miser

«E, sen dúbida, a estación máis fermosa do calendario»

16 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

É tempo de follas caídas. Coa chegada do outono, moitas árbores deixan caer as follas para renovarse, como se dun rito de transformación se tratase. Paseniño e coa acción do vento, descenden ata o chan en movementos espirais, coma pequenas folerpas marróns, verdes ou amarelas. É un espectáculo natural que cada ano inspira poetas, fotógrafos e románticos convencidos de que esta é, sen dúbida, a estación máis fermosa do calendario.

Cobren o chan cun manto suave e acolledor polo que pasear resulta un exercicio tan sinxelo como terapéutico. Se nunca o probou, fágano agora: camiñar sobre as follas secas, escoitar o seu crepitar e espallalas co paso é un xeito excelente de aliviar tensións e afastar o estrés cotián.

O problema chega cando chove e ese manto perfecto se transforma nunha capa esvaradía. As follas molladas poden provocar caídas, dificultar o tránsito e mesmo causar accidentes en zonas con pendente. Por iso, todos os anos volve o mesmo debate: deben retirarse rapidamente ou é mellor deixalas?

Algúns concellos optan por non recoller as follas, mentres outros apuran a retirada. A verdade é que ambas posturas teñen argumentos sólidos. En pavimentos duros como pedra, formigón ou baldosa, as follas húmidas son perigosas; pero en zonas verdes, parques ou escavas arredor das árbores, poden permanecer sen problema.

Cómpre lembrar que non son só lixo vexetal: as follas caídas convértense no fogar de pequenos organismos que manteñen o equilibrio do ecosistema, airean a terra, eliminan pragas e contribúen á polinización.