O final do conto

BARBANZA

«Os tesouros, coma o amor, só teñen sentido se se comparten»

15 abr 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

O outro día intercambiaba co poeta-arqueólogo irlandés Simon Ó Faoláin anécdotas sobre as escavacións. En Irlanda, como en Galicia, é habitual que cheguen os veciños á escavación, agarden un pouco a coller confianza e fagan a pregunta pícara que teñen na cabeza desde antes de chegar: «E logo, xa apareceu o ouro?». Ese ouro é o das lendas que se contan nas aldeas sobre os castros. Pero o ouro, o metal que alimenta as cobizas, case nunca aparece. Nin falta que fai.

Esas lendas cóntannos outra verdade. Naceron en épocas nas que a xente, atrapada nun sistema de clases e dereitos de sangue, tiña mínimas posibilidades de escapar da pobreza. Por iso moitas novelas ou obras de teatro do Barroco sempre se resolven cunha sorpresa inesperada. O protagonista, un desgraciado labrego ou pastora, descubre ser o fillo secreto dun duque. A súa vida, entón, dá un xiro absoluto. O relato expresa as arelas dese público que soñaba con fuxir da miseria. A versión labrega desa obsesión é o tesouro castrexo que pode cambiar a túa vida, facer que merques facenda ou constrúas unha nova casa. O labrego vende o tesouro en secreto e este desaparece para sempre.

Este venres, a partir das 19.00 horas, no Pazo do Martelo de Rianxo celebraremos un deses casos raros nos que o ouro si apareceu. José María Vicente Somoza, descubridor do casco de Leiro, quixo cambiar o final do conto e non malvendeu ás agachadas a peza. Porque os tesouros, coma o amor, só teñen sentido se se comparten. E os finais dos contos están para ser cambiados.