
As voltas da Historia fan que algúns acontecementos se lembren e outros fiquen esquecidos. Hoxe quero lembrar unha singular historia: a presenza frecuente, na Pobra do Caramiñal, de buques da escuadra alemá no período de entreguerras.
Isto acontecía mentres no sur da ría acudía a escuadra inglesa (e tamén ás veces a alemá). Vencedores e vencidos das guerras que se repartían as marxes da ría nas décadas entre 1920 e 1940. Mentres os ingleses en Vilagarcía deixaron numerosa memoria, algúns ensaios, e mesmo novelas recentes como O xardineiro dos ingleses de Marcos Calveiro, dos alemáns pobrenses perdeuse a maior parte da memoria.
Porén, o seu recordo aínda era moi frecuente cando eu era pequeno na vila. Pensen unha tranquila poboación do Barbanza na que desembarcan, literalmente, centos de mozos estranxeiros de varios barcos e sen nada especial que facer. Contan que os xermanos botaban partidos de fútbol contra combinados Pobra-Ribeira e perdían escandalosamente por goleada.
Porén, os alemáns seica demostraban ter un maior virtuosismo musical fronte a voluntarista banda de música da Pobra. “Pobra: fútbol bo, música mala”, dicían os teutóns. Os xornais están sementados de crónicas de excursións dos oficiais e soldados, á Curota, a outras vilas ou a Compostela. A Pobra: balneario!
Lembranzas e esquecementos. Non deixa de ser irónico que hoxe os vilagarciáns lembren tanto os ingleses e nós tan pouco os alemáns. Unha demoledora guerra mundial debeu axudar non pouco a ese esquecemento.