Os vindeiros sábado 28 e domingo 29 de setembro volveremos vernos na Pobra do Caramiñal para falarmos sobre a historia e a cultura do concello
18 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Os vindeiros sábado 28 e domingo 29 de setembro volveremos vernos na Pobra do Caramiñal para falarmos sobre a historia e a cultura do concello, nas xornadas A Pobra do Caramiñal no tempo. Xa saben: catro relatores na tarde do sábado nun horario pensado para que poida ir o maior número de xente, o sobre todo, o máis diverso e un roteiro lixeiro o domingo pola mañá que sempre ten que ver con algunha das temáticas a tratar.
As xornadas teñen sempre unha grande asistencia de público e as prazas énchense en cuestión de horas ou días, como foi o caso. E iso por un motivo: hai moita sede de cultura, e moita sede de cultura local. Pasa na Pobra, pero tamén noutras localidades cando se organiza un evento destas características.
E iso debe traernos a unha reflexión colectiva: se hai tanta demanda e interese, estamos realmente aproveitando toda esa forza para construír historias máis grandes? Temos na comarca, ou noutras comarcas de Galicia, proxectos un pouco ambiciosos para recoller a cultura e o patrimonio local e poñelo a disposición, dun xeito accesible na maneira de contalo, de velo, de chegar a el?
Agora é un momento importante, neste cambio xeracional. As novas xeracións da comarca xa perderon o vínculo co mundo tradicional que nós coñecemos.
Serán eses novos dispositivos, ideas, formatos as que permitan crear sentido de pertenza, identidade e cohesión. O interese que revelan xornadas como A Pobra do Caramiñal no tempo revelan que ese camiño non pode estar nin moito menos errado.