Vila de cristal

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

A POBRA DO CARAMIÑAL

Fachada marítima de A Pobra.
Fachada marítima de A Pobra.

No concurso de ideas para remodelar a fachada marítima pode haber unha fonte de inspiración para conectar coa memoria e traer o pasado ao presente

08 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Revisando postais antigas da Pobra do Caramiñal estes días reparei nun detalle: no fermosa que era aquela secuencia de casas decimonónicas da fachada do Castelo, coas súas galerías e balcóns, e das que só sobreviven algunhas. De térense preservado e non practicarse o recheo do xardín do Castelo que as separou do mar, hoxe serían unha auténtica mina de ouro turística.

O desenvolvemento económico das décadas de 1960 a 1980 pasou coma un vendaval pola costa, botou abaixo as fachadas tradicionais para construír edificios en altura que fixeron perder personalidade cultural e, co tempo, valor económico a estas vilas. Esa liña de casas da Pobra do Caramiñal tería unha personalidade diferenciada da estampa clásica das humildes casas mariñeiras de Combarro ou Malpica. O seu paralelo sería máis ben Corcubión ou Muros.

Estas fermosas cadras de rexa pedra e airosa madeira contan unha historia máis alá dos tópicos sobre Galicia: a dos burgueses, armadores e comerciantes que medraron coa prosperidade industrial da ría de Arousa no século XIX.

Na Coruña preservouse ese perfil na Mariña, e hoxe a Cidade de Cristal é unha das marcas de identidade da cidade. A masa de galerías pobrenses, co mar lambendo os cristais, daría lugar a unha Vila de Cristal que se tería convertido no emblema da Pobra neste tempo de posts de Instagram. Pensei nisto ao ler sobre o concurso de ideas para remodelar a fachada marítima. Aí pode haber unha fonte de inspiración para conectar coa memoria e traer o pasado ao presente.