
Aínda que a previsión de chuvia motivou cambios nas programacións, a comarca oferta un amplo e variado abano de actividades
16 may 2022 . Actualizado a las 14:45 h.A chuvia ameaza con augar a celebración do Día das Letras Galegas en Barbanza e mesmo motivou cambios na programación. Aínda así, os veciños teñen á súa disposición un amplo abano de actividades.
Boiro
A festa máis importante, por prolongarse ao longo de todo o día, é a que hai prevista en Boiro. Concello e Barbantia celebran, no pazo de Goiáns, a Romaría das Letras, que arrancará ás 11.00 coa apertura dun mercado de artesanía, no que tamén haberá postos de librarías e unha exhibición de palillo. Tralo xantar, con pulpeiro e gaiteiros, desenvolveranse diversas actividades, entre as que figuran as presentacións dos libros O caso dos amantes de París, de Miguel Alonso, e Florencio Delgado Gurriarán. Polos vieiros da saudade, de Héctor Cajaraville. Tamén haberá música, con Esperanza Mara; teatro con Airiños e baile da man de Abeloura, Xilbarbeira e Pedra de Aroña. Haberá un servizo desde autobús desde A Boqueira de A Negral, con saídas ás 10.30, 12.30, 16.00 e 18.00 horas.
Outes
En Outes coñecerase a identidade dos gañadores da vixésimo sexta edición do certame de poesía Francisco Añón que organiza o Concello de Outes. O fallo farase público ás 17.00 horas, na casa de cultura. No transcurso do acto presentaranse os libros que recollen as composicións que resultaron premiadas o ano pasado, así como o volume Impostura, de Paula Antía Rey, gañadora na categoría de adultos. Actuará o grupo de cámara As Lens.
Ribeira
Por mor das previsións de chuvia, a Concellería de Cultura de Ribeira trasladou para a carpa da rúa Galicia o espectáculo Polo correo do vento que ía realizarse na praza do concello. Será ás 12.00. Entre esta hora e as 14.00 haberá animación de rúa a cargo de Saraghallada. Pola tarde, a festa trasladarase á Aguiño, onde haberá inchables e un espectáculo musical a cargo de Truque Matruque. En caso de chuvia, farase todo no conservatorio.
Noia
A Concellería de Cultura noiesa decidiu manter a ofrenda floral prevista na alameda, diante dos bustos de Antón Avilés e María Mariño. Está previsto que teña lugar ás 12.00. O resto dos actos foron trasladados ao interior do coliseo Noela. Trátase dunha intervención de Serafín Marcos, una coreografía da escola de danzas Oito e un concerto da banda Vila de Noia.
A Pobra
Os pobrenses poderán mergullarse na vida e na obra de Florencio Delgado Gurriarán a través dunha exposición que será inaugurada ás 12.30 nos xardíns Valle-Inclán. Actuarán os grupos Eiradela, Caraveiros, Trécola e Xiada.
Muros
En Muros serán os máis pequenos os que teñan opción de gozar do espectáculo Extra! que Paco Nogueiras ofrecerá ás 18.00 horas. A actuación está programada para a praza do Mercado, pero en caso de chuvia, trasladarase ao centro cultural.