
A primeira vez que me ensinaron un forno comunal foi no sur de Ourense, onde cada veciño tiña asignado un día para cocer, e non faltaba quen, á calor da cocedura, compartía parladoiro, pero agora o panadeiro vén polas portas e esas construcións vanse derrubando co paso dos anos. Mais en Vilar de Santos, un concello con menos de oitocentos habitantes, tiveron a boa idea de reconverter un destes fornos nunha especie de centro recreativo onde, se ben xa non se coce o pan, está acondicionado para que a xente se xunte a botar unhas paroladas.
O peor da despoboación do rural vén antes de que os veciños empecen a abandonar as súas casas. Empeza cando os negocios pechan porque sen xente non hai beneficio, e entón, os que quedan, para facer a compra teñen que coller o coche e ir, ás veces, a máis de dez quilómetros de distancia. Súmeselle a iso que a maioría dos que quedan nesas aldeas son persoas de idade, e a farmacia máis próxima está nalgunha vila afastada por camiños mal acondicionados. Hai máis de 15 anos, o escritor Xosé Fernández Ferreiro tenme contado que, cando visitaba a súa aldea de Espartedo, en Nogueira de Ramuín, sempre había algún veciño que aproveitaba para pedirlle o favor de que o levase á farmacia, ó médico ou a calquera outro recado, incluso para mercar unha camisa ou unhas tesoiras de podar.
O primeiro de que se priva ás aldeas é de servizos tan elementais como o banco, o médico, unha gasolineira ou, máis modernamente, de medios de comunicación tan comúns e necesarios na actualidade como é a fibra óptica, como nesas aldeas de Boiro que, pasando a instalación a menos dun quilómetro, non chega ás súas casas, e vense limitados, incluso, para enviar un simple correo electrónico, pois para facelo acabarán collendo o coche a fin de achegarse a algunha vila próxima co portátil ó lombo.
Quitar servizos é quitar dereitos, e centralizar eses servizos nas grandes vilas é o que provoca ese despoboamento que cada día vai a máis, tanto no interior como aquí, na costa. Se é triste ver unha aldea abandonada, cos teitos caídos e, no que algún día debeu ser unha habitación matrimonial, atopar un berce podrecendo, máis o é saber que na volta de poucos anos, moitos destes lugares serán as novas ruínas castrexas dos nosos netos, se non se lle pon remedio potenciando ou facilitando o asentamento de negocios e servizos de proximidade. Aquí mesmo, nas nosas parroquias mariñeiras, se saímos dos grandes núcleos, canta xente hai polas rúas unha tarde de inverno?, mentres que nos dous meses de verán a sobre poboación fai circular ringleiras de autos cara as capitais de municipio para abastecerse.
Os avisos do despoboamento do rural están aí, porque os mozos só poden realizarse en oficinas e talleres da capital ou de grandes vilas, e loitar contra iso non é doado. Neste mesmo periódico lemos como en lugares do interior, algúns concellos decidiron facerse cargo de servizos tan básicos como unha gasolineira ou un supermercado, para que os veciños non teñan que desprazarse varios quilómetros; ou como tratan de recuperar negocios tal unhas plantacións, gandaría ou algunha piscifactoría que atraian man de obra moza, poboación estábel e esperanza de futuro.