O instituto A Cachada celebra as súas vodas de prata

m. x. b. RIBEIRA / LA VOZ

BOIRO

Carmela Queijeiro

O alumno Hugo Pérez Cespón deseñou o logotipo do centro

10 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O IES A Cachada de Boiro cumpre 25 anos e quere celebralo con diversas actividades. Para a organización, o centro constituíu unha comisión pedagóxica, que iniciou a súa andaina cun concurso para deseñar o símbolo e logotipo. O gañador foi o alumno Hugo Pérez Cespón, de terceiro da ESO, que se inspirou nunha das esculturas máis importantes da vila, a serea de César Lombera, para a súa ilustración.

A imaxe xa se pode ver na fachada do edificio educativo. Ilustra a pancarta que anuncia as vodas de prata do instituto e que foi instalada coa colaboración do Concello de Boiro.

Desde o instituto explicaron que tamén se está a traballar na creación dun vídeo con imaxes e momentos inéditos dos 25 anos de traxectoria. Para tal fin xerouse unha plataforma a través da páxina web do centro, na que as persoas interesadas poden inserir documentos de interese, no apartado Albumcachada. Do traballo estase a encargar un antigo alumno, buscando a comisión encargada a retroalimentación durante o proceso de elaboración.

A maiores, entre as actividades que está previsto desenvolver ao longo dos vindeiros meses destacan a publicación dun novo número da revista A xanela, que dará boa conta de todo o proceso da celebración, e unha cerimonia que terá lugar na semana das Letras Galegas. Nela estarán presentes as 25 promocións do alumnado que encheron as aulas do IES A Cachada ao longo destes anos.