A feira

BOIRO

Imagen de archivo do mercadillo de Boiro.
Imagen de archivo do mercadillo de Boiro. MARCOS CREO

Un papel cun número nunca debeu empezar a ser necesario para manter o civismo

23 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O martes pasado fun ao mercadillo de Boiro con miña nai. Non paramos para mercar roupa, nin para facer provisión de churros. Fomos a propósito para ir ao posto de alimentación de Joaquín. Coas súas habituais formas aceleradas, lembroume que facía tempo que non ía por alí. Non se equivocaba. A última foi a vez que se quedou coa miña cara. Tiña 24 euros de prezo e só levaba 20 encima. Pese a súa insistencia en fiarme, volvín aos cinco minutos cos cartos e, a cambio, recibín uns bos chourizos como obsequio.

A cousa foi que miña nai, que xa miraba para os lados fiscalizando a todo aquel que fixera o amago de colarse, pediulle o de sempre. Medio de Arzúa, un cachiño de marmelo, pan de pasas e unha morcilla das doces. A súa reacción, antes de poñerse ao traballo, foi darme unha merenda improvisada para que probase a calidade do produto, aínda que eu coñecíaa de sobra. Mentres despachaba a comanda, unha muller preguntoulle a Joaquín que cando lle tocaba. El, con simpatía, enumeroulle ao par de persoas que tiña diante.

A señora, insistente e insinuando que algo non lle cadraba, instouno a poñer un sistema de orde numérico, como noutros comercios máis modernos. «Isto non é un supermercado, aquí estamos na feira», dixo o vendedor ao tempo que cortaba unha abundante porción de lácteo e causaba a risa dos que agardaban a quenda. Antes de marchar, Joaquín volveunos dar uns chourizos cortesía da casa. Eu marchei pensando na boa pinta da morcilla e en que un papel cun número nunca debeu empezar a ser necesario para manter o civismo.