Carnota celebra o Día de Rosalía cun concurso de poesía ilustrada para escolares

m. x. b. RIBEIRA / LA VOZ

CARNOTA

 Caldo de gloria , de Rosalía de Castro, que este sábado se degusta en Ribadeo
Caldo de gloria , de Rosalía de Castro, que este sábado se degusta en Ribadeo Martina Miser

Os actores Ana Ponte e Diego Freire visitarán os centros educativos do municipio para difundir a historia da escritora

18 feb 2025 . Actualizado a las 14:24 h.

Con motivo do Día de Rosalía, que se conmemora este domingo, o Concello de Carnota puxo en marcha un certame de poesía ilustrada dirixido aos escolares de infantil e primaria do municipio. O obxectivo é «estimular a creatividade do alumnado e divulgar e pór en valor a obra da escritora do Sar mediante obras plásticas inspiradas nos seus versos», explicaron desde o executivo.

Segundo figura nas bases do concurso, os estudantes poderán participar de forma individual ou en grupos de ata cinco persoas, establecéndose catro categorías en función das idades. Os gañadores en cada unha delas recibirán un bono por valor de 50 euros para trocar por libros en lingua galega que irán destinados á biblioteca do respectivo colexio.

Está previsto que a decisión do xurado se faga pública este venres, Día da Lingua Materna. Nesa xornada, a actriz Ana Ponte, caracterizada de Rosalía de Castro, e o actor Diego Freire, interpretando a un dos seus biógrafos, visitarán os colexios e o instituto do municipio para, en clave de humor, achegarlle ao alumnado a verdadeira historia da escritora, tratando de fuxir da imaxe edulcorada imposta durante anos.

O programa de actividades está impulsado polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carnota.