Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Raúl Pimentel: «Baixou coa brétema e despois atoparon os cachos pola horta»

La Voz

LOUSAME

28 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Raúl Pimentel Batalla é un lousamián afeccionado á gandería que conta con ovellas e vacas que padeceron o ataque do lobo. No 2017, este mozo de 28 anos deixou as reses pastando ao lado da súa casa -dormen pechadas- e despistouse ata a caída da noite. Cando regresou atopouse cunha ducia de exemplares ovinos mordidos e mortos: «Mesmo levou unha cría un pouco máis lonxe, pero acabou abandonándoa e só lle comeu o fígado».

Con todo, Raúl Pimentel ten moi claro que el non é o principal afectado na zona de Xestoso, senón os profesionais deste sector. Polas mesmas datas que viviu o incidente na súa explotación, un veciño perdía outras dúas ovellas, mentres que outra escapou para a súa leira. «Baixou coa brétema e despois atoparon os cachos pola horta adiante», anotou. Días despois, unha veciña viu como unha loba preñada saltaba á súa leira, ás cinco da tarde, aínda que logo fuxiu.

O certo é que os temores a novas incursións deste animal en Lousame renováronse despois de que un veciño vise o pasado mércores a un exemplar no acceso á planta de reciclaxe de Servia.