El Concello de Lousame leva á RAG o seu proxecto para dar a coñecer a Zernadas de Castro

La Voz RIBEIRA / LA VOZ

LOUSAME

Teresa Villaverde, xunto con Juan José Prego e Anxo Moledo, presentaron a súa proposta ao presidente da RAG, Henrique Monteagudo
Teresa Villaverde, xunto con Juan José Prego e Anxo Moledo, presentaron a súa proposta ao presidente da RAG, Henrique Monteagudo cedida

A alcaldesa e os portavoces de BNG e PSOE volveron solicitar que se lle dedique o Día das Letras Galegas do 2027

14 jul 2025 . Actualizado a las 13:46 h.

Xa hai varios anos que desde o Concello de Lousame propoñen que o Día das Letras Galegas se lle dedique a Zernadas de Castro, o cura de Fruíme; pero agora queren dar un paso definitivo, e por iso a alcaldesa, Teresa Villaverde, acompañada polos portavoces do PSOE e do BNG, Juan José Prego e Anxo Moledo, acudiu hai uns días á sede da Real Academia Galega (RAG) para manter unha reunión co seu presidente, Henrique Monteagudo. No encontro lembraron que o próximo 2027 celébrase o 250 aniversario do pasamento do sacerdote e escritor, polo que consideran que sería un bo ano para homenaxealo.

Ademais, aproveitaron para presentar todo o traballo que xa se leva feito e o que ten previsto realizar proximamente o Concello de Lousame para dar a coñecer a figura de Zernadas de Castro, cun total de 15 actuacións divulgativas que van desde exposicións a edicións literarias, musicalización de poemas, andainas ou unha romaría cultural.

«Quixemos estar presentes os representantes dos tres grupos municipais porque entendemos que esta é unha petición que reflicte o sentir de todo o pobo de Lousame e non só dun único partido», apuntou Teresa Villaverde. Ao mesmo tempo recoñeceu o gran esforzo feito desde o Concello para seguir poñendo en valor a figura do cura de Fruíme, ao que confía que se lle dedique o Día das Letras Galegas.