Miguel Figueira: «Crieime xogando na rúa e na estrada, apartándonos cando pasaban coches»
MAZARICOS

O técnico analizou a evolución do fútbol na Costa da Morte e na zona de Mazaricos
22 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.No fútbol hai moitos tipos de adestradores e de xogadores, pero só nun puñado de casos se dan os factores necesarios para que un deles ame de verdade as cores dun club. Miguel Figueira (Mazaricos, 1974) é, sen dúbida ningunha, un exemplo perfecto disto último. Un técnico que ademais de coñecer á perfección o pasado e o presente do fútbol na Costa da Morte, así como na zona de Mazaricos e Carnota, é a mente que está detrás das impresionantes tempadas que leva asinando o Bergantiños nos últimos tempos. Nesta recta final do curso, compiten por alzar o título ligueiro contra o Racing de Ferrol e o Compostela.
O certo é que para entender tal paixón hai que retroceder á mocidade de Figueira, a unha década dos oitenta «sen tantas categorías superiores, sen campos de céspede artificial e, polo tanto, sen tantas opcións para adestrar». Aínda que nun comezo viviu en Mazaricos, logo trasladouse a Zas, onde se criou ata os 13 anos, iso si, pasando cada verán na Picota. Con 14, e xa en Vimianzo, chegou a súa estrea nun Soneira no que xogaba sen ficha, xa que a idade mínima eran 15 anos.
Non importaba, pois o esencial era gozar deste deporte como o fixera antes co balonmán e o fútbol sala. Logo, fichou polo Bergantiños e durante o seu segundo ano de xuvenil subírono ao primeiro equipo, do que, décadas máis tarde, pode presumir de levar as rendas e no que conta con «todos os apoios e facilidades do club».
«Crieime xogando na rúa e na estrada, apartando cando pasaban coches. Era competición, eran partidos cada día nos que aprendías por ti mesmo. Quizais isto é o que lle falta ao fútbol hoxe en día», lembrou o técnico dos seus inicios no deporte rei sen importar o escenario, xa fose en Zas ou ante a Caixa Galicia na Picota, onde os seus avós tiñan un comercio e «sempre baixaba a xogar con Santi e Jose, os veciños». Eran os tempos nos que o terreo de xogo máis profesional que pisaban en Mazaricos eran os dous campos de terra que agardaban tras un importante paseo.
Compromiso e sacrificio
«Sempre tiven a sorte de contar co apoio de meus pais e dende os 15 anos comecei a gañar a vida co fútbol», indicou Figueira, para apuntar que na actualidade, e despois dun longo proceso que aumentou a profesionalidade no fútbol, o compromiso aínda é unha materia pendente en ámbalas dúas zonas. «A diferenza entre unha persoa que queira dedicarse de verdade ao fútbol está no compromiso das fins de semana e no sacrificio diario», anotou o preparador.
Neste senso, o técnico do Bergantiños opina que é fundamental o traballo na base, máis alá das frases baleiras. «O principal non son as palabras, son os feitos e demostrar que apostas polos rapaces», analizou Miguel Figueira, un profesional que adestrou a xogadores de todas as categorías e que pode dicir que «hai xuvenís que debutaron comigo en Terceira, cun equipo que pelexa co Ferrol e co Compostela por ser campión. Sempre lles digo que a clave está en dúas palabras: a ilusión, por facer as cousas ben, e o respecto, polo traballo, os compañeiros e os rivais».
Por outra banda, o equipo do Bergantiños no que Figueira militou como xogador foi o último que se proclamou campión de Terceira. Por este motivo, e pola confianza que depositaron nel, para o agora técnico levantar o trofeo como campións de liga sería cumprir un soño que aínda podería ser maior, pois levan tres cursos xogando a fase de ascenso a Segunda División B e todo indica que volverán facerse coa chave este ano.
Quen sabe, pode que Figueira cumpra un soño e unha odisea.