Viaxe a través da historia muradá

Uxía Pérez / A. G. RIBEIRA / LA VOZ

MUROS

Jorge Parri

As rutas guiadas polo centro da vila teñen unha grande aceptación entre os visitantes. Cóntao a guía María Mayo

27 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A arraigada tradición mariñeira de Muros, a grande cantidade de restos arqueolóxicos existentes e os vestixios históricos permitiron que a vila fora nomeada conxunto histórico-artístico en 1970. Actualmente, María Mayo é unha das encargadas de achegar os feitos e lendas deste municipio aos visitantes que se desprazan á localidade cada ano.

Esta guía conta que durante a época estival as rutas guiadas máis solicitadas son aquelas que percorren o centro da vila. Segundo María Mayo, isto débese a que «son as máis adaptadas a todo tipo de persoas». Os seus principais interesados son os veraneantes que chegan dende fóra de Galicia.

Esta viaxe no tempo realízase todos os mércores e venres ás 12.00 horas dende O Curro da Praza. O percorrido exhibe os encantos da vila a través dunha arquitectura medieval emblemática. Os seus elementos etnográficos coordínanse coas rúas estreitas, entre as que se atopan as típicas vivendas muradás cos seus arcos de medio punto. As galerías de madeira tamén son clave no lugar.

O edificio do mercado e a súa monumental escalinata son, segundo esta guía, «unha das construcións máis destacables». Estas rúas empedradas tamén acollen outros edificios máis actuais, como pode ser o caso do Teatro Mercedes. O art nouveau deixou unha pegada importante na fachada desta construción.

En cambio, e a pesar da fascinación dos visitantes pola arquitectura do lugar, segundo María Mayo o que máis lles chama a atención aos foráneos é «descubrir a tradición galega e muradá a través de historias e lendas, como por exemplo aquelas que aluden á Santa Compaña. Tamén quedan impresionados polos cruceiros e as miles de historias relacionadas co mar».

A prehistoria

Unha vez remata a calor e o tempo se presta máis ao sendeirismo, os petróglifos muradáns volven estar no punto de mira dos visitantes e excursionistas. Estes gravados sobre pedra datan da Idade de Bronce, e están considerados actualmente como unha das manifestacións de arte prehistórico máis importantes de Galicia.

Os achados do lugar converten a Muros nun dos municipios galegos con maior número de petróglifos. As imaxes son moi variadas, pois nestas rocas pódense atopar dende espirais e figuras xeométricas ata referencias naturais. Entre estas figuras destacan aquelas que simbolizan o corpo humano ou a animais.

María Mayo comenta que o público máis habitual son os grupos organizados e as excursións de escolares: «Para acceder a estes xacementos hai que pasar por itinerarios máis complicados que aqueles que se poden realizar pola vila». As rutas máis frecuentadas son as de Laxe de Rodas e a de monte Louro, na que tamén se encontran os petróglifos da Lagoa. Estas dúas son as estacións con máis cantidade de gravados, e tamén as de máis fácil acceso.

María Mayo considera relevante destacar a importancia que ten para as futuras visitas o boca a boca: «O turismo de Muros é algo que aínda está en crecemento, e cremos que a mellor forma de fomentalo é a través das recomendacións. Cando unha persoa queda contenta cos encantos da vila é probable que nos recomende e traia máis persoas».

Pozo do Cachón. Esta é unha das construcións muradás que máis visitantes atrae a vila. Aínda que o municipio conte con moitos outros repartidos por todo o territorio, a existencia do Muíño de Mareas do Pozo do Cachón é realmente destacable. Esta edificación, de 230 metros de lonxitude, é a máis grande de España.