Poeta e narrador nado en Muros

PASTOR RODRÍGUEZ

MUROS

Un 12 de setembro de 1958 nace Luís Rei Núñez, o máis importante narrador que tivo esa vila como orixe

25 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Un 12 de setembro de 1958 nace en Muros Luís Rei Núñez, o máis importante narrador que tivo esa vila como orixe. En 1989 publica a súa primeira novela, A rota dos adeuses, á que seguirá en 2000 Expediente Artieda, Premio Xerais. En 2003 edita A estrela dos polisóns e O corpo do chapapote, e xa en 2005 publica Toda a vida.

En 2007 sae do prelo O señor Lugrís e a negra sombra, novela coa que acada o Premio Irmandade do Libro e o Premio da Crítica Española. Empregando personaxes reais, consegue novelar a realidade contemporánea de Galicia. En 2009 gaña o Premio Blanco Amor con Monte Louro.

A estas publicacións seguirán outras novelas: Cita en Fisterra, de 2011; Días que non foron, en 2013; O encargo do señor Castelao, en 2016; e Matarán a Reboiras en 2022. Tamén publicou narrativa para nenos en 1992, Colección de bolboretas.

Esta ampla obra narrativa acompáñaa co seu labor de poeta lírico con títulos como Para matar o tempo (1985), Arca dos faiados (1982-1985) (O Castro, 1985); A casa na brétema (1994), Alma mareira (2003), Estrela do norte, Premio Ánxel Casal (2014) e As sílabas do mundo (2021).

Autor de tres volumes dedicados a Rafael Dieste, o máis recente a biografía Rafael Dieste. O libre pensamento, de 2019, é autor tamén de ensaios e literatura de viaxes.