Barbantia despediu o ano do seu 20.° aniversario a ritmo de regueifa

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA / LA VOZ

MUROS

A entidade entregou os sereos a Che Tembra, Barahúnda e Rodrigo Romaní

15 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Ás portas dun 2025 no que o Día das Letras Galegas estará dedicado ao cancioneiro popular galego, estivo moi ben traído que a regueifa marcara o ritmo da gala coa que a Asociación Cultural Barbantia puxo o peche de ouro ao ano no que festexou dúas décadas de traxectoria. O acto, celebrado na casa de cultura de Muros, estivo conducido pola soprano Esperanza Mara, que se saíu do seu rexistro habitual para entoar coplas compostas por ela mesma para dar paso ás diferentes intervencións que se sucederon sobre o escenario e aos tres premiados que recolleron os seus sereos: Che Tembra, Barahúnda e Rodrigo Romaní.

O ritmo desas pequenas regueifas contaxiou ao mesmísimo presidente da Deputación, Valentín González Formoso, que se animou a improvisar un versos cando lle tocou pasar polo atril. Antes diso pasaron moitas cousas sobre o escenario. Nun extremo, a orquestra de corda do Concello de Muros, baixo a batuta de César Acuña, puxo a banda sonora á entrega dos Premios Barbantia da Cultura con pezas como Perfidia, Perfect ou Tarantella. No outro, a mesa na que se atopaban a concelleira de Cultura, Caridad González, encargada de dar a benvida aos presentes; a alcaldesa muradá, María Lago, que pechou o acto; Formoso e María Xesús Blanco, presidenta de Barbantia. Abaixo, no patio de butacas, os galardoados.

Houbo tempo para facer, a través dun vídeo, un repaso pola actividade da asociación cultural ao longo deste ano, un labor que puxo en valor Esperanza Mara antes de dar paso á proxección: «Barbantia é, con moita seguridade, unha das asociación galegas máis activas. E quero agradecer tanto á directiva como aos socios que continúen ano a ano a facer medrar este gran ser vivo cultural».

María Xesús Blanco afondou no intenso 2024 que viviu a entidade co gallo do seu vixésimo aniversario e nas incontábeis colaboracións con concellos e asociacións da bisbarra e de fóra dela. Viaxou tamén no tempo a novembro do 2004, cando naceu Barbantia, para parafrasear ao presidente fundador, Antón Riveiro Coello: «Barbantia desexa ser un centro de ideas no que todos se sintan útiles e partícipes do proxecto, no que a distancia non debe ser un atranco para o encontro para compartir. Pois aquí estamos hoxe, vinte anos despois, compartindo».

Elemento igualitario

Tomou de seguido a palabra o presidente da Deputación provincial, Valentín González Formoso, quen logo que arrincarse cunha improvisada regueifa subliñou o valor da cultura: «Hai que pasar por este mundo deixando unha pegada en positivo, e cada un de nós temos que facer algo polo importante, e o importante sen dúbida é a cultura, o elemento igualitario máis indiscutible que existe».

Chegou por fin o momento dos premiados, precedidos por un redobre de pés petando no chan co que Esperanza Mara quixo dar emoción aos instantes previos ao paso dos galardoados polo escenario. O primeiro en subir a recoller o sereo á Traxectoria Cultural no Barbanza foi Che Tembra, que o recibiu de mans da presidenta de Barbantia. O ferreiro con alma de artista, como o definiu a presentadora da gala, fixo un discurso reivindicativo, no que ademais de agradecer a todos os que o arrouparon sempre, avogou por seguir «coa nosa lingua, sen facerlle caso ao que nos din os demais» e asegurou que seguirá facendo caso dos consellos dos bos amigos: «O rego sempre dereito, e se torce, que sexa cara a esquerda».

A alcaldesa de Muros, María Lago, foi a encargada de entregarlle ao dúo Barahúnda o premio á Iniciativa Cultural. Helena de Alfonso marabillouse coa escultura do sereo, obra de Soledad Penalta: «É preciosa, pódese ver coas mans, como as de Che». Jose Lara encargouse en nome do dous de agradecer o galardón rememorando os seus inicios en Madrid e o difícil camiño percorrido para poder vivir da cultura e da música. Pero, pese ás dificultades «hoxe estamos aquí, despois de tantos anos, cunha gran parte da nosa carreira xa desenvolvida na Galiza e en galego». E rematou: «Sentimos este sereo non só como un premio, máis coma unha fonda aperta».

O premio da Cultura Galega recaeu en Rodrigo Romaní, que recolleu o galardón da man do presidente da Deputación. O noiés aproveitou a ocasión para reivindicar as escolas municipais de música, pondo como exemplo a de Muros: «Son algo imprescindible, non están fabricadas para crear grandes virtuosos, senón para garantir o dereito a todas as persoas a practicar a música».

O peche do acto correu a cargo de María Lago, quen, tralos agradecementos, afirmou: «O que perde a súa lingua perde a súa identidade, e eu engadiría que o que perde a súa cultura perde a súa identidade. Porque un pobo sen coñecemento e sen cultura é un pobo manso».

Cos acordes de Bella ciao púxose o punto e final á festa da cultura ata a próxima.