«O gran logro está por chegar, é acadar a igualdade das persoas con discapacidade»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

MUROS

cedida

Ramón Sestayo apunta que o soño se cumprirá cando todos os cidadáns poidan desenvolverse na súa vida diaria de forma autónoma

05 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Involucrado desde hai máis de catro décadas na defensa dos intereses das persoas con discapacidade, Ramón Sestayo Lestón (Muros, 1967) vén de ser elixido presidente do Cermi Galicia, un comité que aglutina unha ducia de entidades que traballan no eido da diversidade. O barbancés, que xa ostenta a vicepresidencia de Cogami desde o 2001, pasa a ser así a cabeza visible da discapacidade en Galicia, unha aventura que emprende con gañas de seguir cambiando o mundo.

—Como afronta este novo reto?

—Con moita ilusión, pero sobre todo con respecto pola cantidade de referentes que me precederon e que deixaron o listón moi alto. É un cargo que require traballo, dedicación e o firme propósito de representar e defender a todas as entidades incluídas no Cermi.

—Cales son os grandes cabalos de batalla deste comité?

—Un dos temas que está enriba da mesa é a entrada en vigor do decreto que regula a accesibilidade. Hai case dez anos que se aprobou a lei, pero a súa aplicación segue estancada pese a ser fundamental para que as persoas con discapacidade poidan ter unha vida autónoma. Tamén sería importante axilizar as valoracións da discapacidade. E hai que seguir traballando na atención temperá, a educación inclusiva, o acceso ao mundo laboral, a eliminación de barreiras arquitectónicas...

—A existencia deste conglomerado de asociacións demostra que o mundo da diversidade está unido na loita, é así?

—Si, porque consideramos que é a forma de conseguir os retos específicos de cada entidade. Temos unha boa oportunidade e a unión é a nosa gran aposta para lograr que se atendan as nosas reivindicacións.

—Que o levou no seu día a involucrarse nesta batalla?

—Foi alá no ano 1982, cando xunto cunha ducia de persoas, fundamos Adisbismur, una asociación de persoas con discapacidade da comarca de Muros. Lembro que comezamos facendo un traballo de campo moi laborioso, indo porta a porta para elaborar un censo, pois daquela as persoas con diversidade non contaban para a sociedade. Había familias que mesmo negaban a súa existencia.

—Aqueles foron entón tempos de moita loita?

—Lidamos unha batalla importante polo emprego, sobre todo a través de Cogami, entidade fundada no 1990. Creamos centros de inserción laboral, porque non había empresas que quixeran contratar a persoas con discapacidade, e visitamos unhas cinco mil compañías para iniciar contactos. Tamén foi importante o traballo con concellos e outras administracións, pois había barreiras en todos os edificios, mesmo nos públicos.

—A evolución desde entón ata agora foi importante...

—Si, hoxe somos visibles e as nosas reivindicacións están nos medios de comunicación, pero quedan moitas cuestións pendentes.

—Que gran logro destacaría de todos os conseguidos?

—O gran logro está por chegar, é acadar a igualdade das persoas con discapacidade. Pero máis que un reto é un soño que non penso que chegar a ver cumprido. O mundo ideal sería aquel no que unha persoa con calquera diversidade puidera saír da casa sen obstáculos, non tivera problemas para subir a un autobús, accedera con facilidade a un centro sanitario e alí fora atendido sen axuda, tivera as mesmas opcións ca o resto para conseguir un traballo... fora autónoma. Non debemos esquecer que hai moita xente que en pleno século XXI aínda vive encerrada nas seus pisos por carecer de ascensor.

—Que lle pide ao novo ano que acaba de empezar?

—Por mencionar obxectivos que considera que son realizables a curto prazo, pídolle a este 2025 a aprobación do decreto de accesibilidade e a axilización das valoracións para conseguir a discapacidade.

«Pódeme máis o compromiso co colectivo ca o cansazo»

Ramón Sestayo terá que compatibilizar o novo cargo á fronte do Cermi cos que xa viña ostentando, pois segue liderando Adisbismur e tamén é presidente da Federación de Asociacións de Persoas con Discapacidade da Provincia da Coruña.

—Como se compatibilizan todos eses cargos coas responsabilidades que levan aparellados?

—Estando rodeado dun gran equipo de profesionais. O movemento asociativo quere ter un referente para pelexar, pero detrás dos rostros visibles hai moitas persoas traballando. Neste duro camiño, a militancia e o compromiso son fundamentais para tratar de conseguir un mundo mellor.

—Pero tantos cargos e tantos anos de loita, non cansan?

—Si, pero é unha cuestión de compromiso co colectivo. Claro que os anos van pesando, pero por fortuna teño un equipo detrás que me empurra, que me anima a seguir loitando. E logo xorden outros alicientes, como o feito de que doce entidades me queiran para presidir o Cermi, para ser a voz da discapacidade en Galicia. Iso é un orgullo. Teño catro anos por diante e agora mesmo pódeme máis o compromiso co colectivo ca o cansazo.

—Imaxina a súa vida sen ter unha discapacidade?

—Non, porque a miña vida sempre estivo marcada pola discapacidade, que me acompaña desde o nacemento. Levo dese sempre vendo inxustizas, tanto na miña persoa como, desde o ano 1982, en moitas outras.

—Cal foi o gran obstáculo co que vostede se atopou?

—Penso que para min e para todas as persoas con discapacidade, vivir no rural supón un gran obstáculo, porque nesas zonas a problemática é moito maior. Queda moito por facer para acadar a igualdade das persoas con diversidade en xeral, pero nas zonas rurais máis aínda, tanto a nivel de servizos como de barreira arquitectónicas como de emprego. As institucións teñen que apostar moito máis polo noso colectivo, porque son asociacións as que están levando todo o peso nesta loita.