Na segunda parte do acto celebrado no Coliseo Noela, o alcalde, Antonio Pérez Insua; e o director xeral de Difusión Cultural, Luis Bará; fixeron entrega do premio da quinta edición do certame de relatos de aventuras Avilés de Taramancos ao compostelán Xerardo Neira Pereira. O galardón dótase de 3.000 euros e unha escultura deseñada polo artista noiés Alfonso Costa. Conleva, ademais, a publicación da obra, que correu a cargo de Toxosoutos. Foi o director desta última editorial, Xosé Agrelo Hermo, quen principiou a ronda de intervencións, destacando a orixinalidade do xénero polo que aposta o concurso. Ademais, definiu a Avilés e á súa vida como unha aventura no senso máis puro da palabra. Sobre o traballo gañador, Agrelo sinalou que non atopa pretexto para non lelo porque asegurou que resulta tan ameno que el o rematou de ler dun tirón. En representación do xurado, o escritor e profesor Ramón Caride atribuíu ao certame que leva o nome de Avilés o mérito de encher un baleiro que faltaba por cubrir en Galicia. Amosou a súa admiración por Toxosoutos e confesou que lle gustaron especialmente os debuxos da noiesa Rosa Fernández, que ilustran o relato gañador. Tamén no nome do xurado, a escritora María do Cebreiro eloxiou do conto de Xerardo Neira a súa habilidade para conxugar literatura e natureza, realidade e ficción, e fantasía co mundo da historia. O secretario do tribunal e un dos coordinadores da revista Casa da Gramática, Xavier Castro, regresou cinco anos atrás no tempo para contextualizar a orixe do certame, que xermolou grazas á colaboración entre o Concello e a publicación do Virxe do Mar. O docente desexoulle longa vida a esta iniciativa cultural, antes de ler a acta na que se reflectiu no seu día a elección do relato O rei dos lobos como vencedor da quinta edición. Ao recoller o premio, Xerardo Neira dou as grazas ao xurado, ao Concello, a Toxosoutos e a todo o pobo; e lamentou que a titular de Cultura, Ánxela Bugallo, non puidera asistir ao acto. «Os dous somos biólogos e ela acabou de conselleira de Cultura e eu gañei este premio literario, é un pouco raro», comentou en clave de humor. Luis Bará felicitouno e gabou os ideais de Avilés. Pechou o acto o alcalde de Noia, Antonio Pérez, que incidiu no compromiso adquirido polo Concello co certame desde o 2002. «Neste concurso, ocupan un lugar destacado as artes plásticas, como evidencian a escultura de Costa e as ilustracións de Rosa Fernández», subliñou.