Noia lembra ás súas plumas Antón Avilés e a Mariño Mariño

M. X. B.

NOIA

CARMELA QUEIJEIRO

Serafín Marcos ofrecerá un espectáculo sobre Florencio Delgado

10 may 2022 . Actualizado a las 14:29 h.

Na alameda celebrará a Concellería de Cultura de Noia o Día das Letras Galegas o vindeiro martes. Os actos comezarán ao mediodía, cunha ofrenda floral diante dos bustos de dúas das grandes plumas locais, Antón Avilés de Taramancos e María Mariño. O artista Serafín Marcos converterase despois en protagonista, ofrecendo un espectáculo inspirado na vida e na obra do escritor homenaxeado este año polo 17 de maio, Florencio Delgado Gurriarán, que leva por título Coa ledicia de voltar.

E despois do teatro chegará a quenda da danza. A escola local Oitos deleitará ao público coa coreografía O nacemento duns versos. A proposta inclúe tamén música, que chegará da man da banda Vila de Noia.

Os actos previstos para a xornada das Letras forman parte dun amplo programa que se estende ao longo de todo este mes. Para este sábado hai previsto un espectáculo teatral a cargo de Elefante Elegante. A compañía pisará as táboas do coliseo Noela ás 20.30 para presentar Dreaming Juliet, unha obra inspirada na historia de Romeo e Xulieta. As entradas teñen un custe de 4,50 euros e poden ser adquiridas na plataforma ataquilla.com ou no propio teatro, o día da función, a partir das 19.30.

As portas do coliseo Noela volverán abrirse o 21 para a compañía 5S, que presentará Rubindo rechedos. Trátase dun espectáculo de danza inclusiva, que mestura tamén teatro, poesía e humor para falar de temas vinculados ao ser humano, como o amor, a felicidades e os soños. Sobre as táboas situaranse unha ducia de actores.

Neste caso, a entrada ao teatro será libre ata completar o aforo.