Noia ensalza o recoñecemento á poesía popular das cantareiras na homenaxe a María Mariño e Antón Avilés

NOIA
Dous fillos do escritor de Taramancos, Santi e Luís, xunto cun dos seus netos participaron nos acto
17 may 2025 . Actualizado a las 20:07 h.O alcalde de Noia, Santiago Freire, e o concelleiro de Cultura, José Pérez, coincidiron en destacar a idoneidade do recoñecemento á poesía popular das cantareiras durante a ofrenda floral e acto de lembranza aos escritores María Mariño e Antón Avilés. No busto deste último, transcorridas tres semanas dende o pasamento da súa viúva, Sofía Baquero, estaban dous dos seus fillos, Santi e Luís Avilés, xunto cun neto. O grupo Ebora puxo a nota musical cun escollido repertorio.

Na súa intervención, o rexedor noiés falou da importancia que tiveron as mulleres para conservar e transmitir as cancións tradicionais galegas. Mencionou tamén o acto celebrado na noite do vernes, organizado por Barbantia, no que se presentou o libro de Isabel Blanco titulado Galegas na música. Manifestou Freire se se trata dunha homenaxe ás mulleres que tiveron repercusión na traxectoria musical en Galiza e destacou a valentía que tiveron ao interpretar temas en galego. No acto de Barbantia tamén participaron a presidenta da entidade cultural, María Xesús Blanco; a ilustradora da obra, María Lapido, e a editora, Edurne Baines.