O párroco xa coñecía a festa pois de pequeno acudía a ela con seus pais, veciños de Santa Cristina de Barro, en Noia
01 sep 2025 . Actualizado a las 11:42 h.Para Juan Carlos Martínez, este será o seu terceiro San Ramón como titular da parroquia de San Pedro de Bealo, que alberga a capela. Porén, a celebración xa lle é familiar dende a infancia pois, de neno, adoitaba asistir a ela acompañado polos seus pais, naturais, coma el, do veciño concello de Noia.
—Máis de dúas décadas como cura e case tres anos como sacerdote en Bealo pero, sen embargo, a súa relación co San Ramón vén de moito mais lonxe, non é?
—Pois a verdade é que si. Eu son natural da parroquia noiesa de Santa Cristina de Barro e todos os anos, dende moi pequeno, viña ao San Ramón con meus pais. Resulta habitual que a esta celebración veñan moitas persoas de concellos próximos como Lousame, Rianxo ou Noia, e eu durante moitos anos fun unha delas.
—Con todo, vivila como titular da parroquia ten que ser algo especial. Que se sinte sendo o cura desta celebración tan importante?
—Prodúceme moita alegría ver o que representa o santo, non só para os veciños da parroquia, senón tamén para os milleiros de persoas que cada ano se achegan ata aquí para participar desta festa. Incluso hai quen vive fóra e organiza as súas vacacións para poder asistir. A romaría de San Ramón, declarada de interese turístico, é unha das máis importantes de Galicia, con máis de 270 anos de historia e unha continuidade excepcional da que moi poucas festividades poden presumir.
—Seguen acudindo as embarazadas?
—Por suposto. Principalmente na novena que arrincou o pasado venres, adoita haber bastantes embarazadas. O día propio da celebración xa resulta máis complicado velas porque a gran cantidade de xente que se xunta fai que non sexa un lugar moi axeitado, sobre todo nun estado avanzado de xestación.
—Por que se considera a San Ramón o protector das embarazadas e cal é a orixe desta tradición?
—San Ramón era catalán e a primeira persoa que, se supón, naceu de cesárea. Súa nai faleceu nun accidente e un cazador sacouno do ventre, cun coitelo. Por eso se coñece como San Ramón Nonato, que significa literalmente «non nacido» ou «antes de nacer», facendo referencia ao feito excepcional do seu nacemento. Esta circunstancia levou a que se convertera nun santo protector das embarazadas e das nais, xa que a súa historia simboliza a vida e a protección no parto.
—Tamén se lle pide que o fillo sexa varón?
—Bon, si é certo iso. Aínda que é algo moito máis recente que igual si hai xente que o segue. Pero no que si coinciden en pedirlle todas as embarazadas é un bo parto.
—A festa de San Ramón en Bealo comeza coa novena e prolongase ata o domingo seguinte co San Ramón Pequeno. Como se levan tantos días de celebración?
—Moi ben porque cada acto que se fai ten o seu significado propio e os seus devotos que non adoitan faltar. Dende a novena ata a misa solemne que ten lugar o día 31 á unha da tarde pasando polas que se celebran ese mesmo día ás 7 e 9 da noite e que lle chamamos de despedida do romeiros. En canto ao San Ramón pequeno ten lugar sempre o domingo seguinte ao día 3 que é cando rematan as celebracións e está mais dirixida de forma especial a esa xente da parroquia que, como teñen invitados ou outras tarefas, non poden vir no día grande.
—Os máis novos xa empezan a festa o 29 co San Ramón Fest con moita música. Que lle parece ao párroco esa xuntanza?
—Paréceme estupendo. É outra forma de vivir a festa como tamén o é participar na comida campestre ou vir á novena ou en calquera outro acto dos moitos que se levan a cabo durante esta semana.