Tres décadas de gobernos en Noia

XERARDO AGRAFOXO

NOIA

Pérez Caamaño colle o bastón que lle cede Freire Abeijón
Pérez Caamaño colle o bastón que lle cede Freire Abeijón

É un dos poucos municipios de Galicia onde triunfaron dúas mocións de censura

27 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Despois do dobre mandato dos socialistas e os nacionalistas, comezou un novo ciclo político no goberno municipal en Noia. Así, no ano 1995 os populares, presididos por Mari Carmen Abeijón, acadaban por primeira vez a alcaldía grazas ao voto do concelleiro de Alternativa Galega. Pouco estiveron os conservadores ao mando do goberno porque catro anos despois, no ano 1999, asumían o poder os socialistas, liderados por García Guerrero, que gobernou coa axuda dos tres edís do BNG. Pero tampouco puideron repetir a lexislatura porque no ano 2003 volvían gañar os populares presididos por Pérez Ínsua que conseguiu gobernar en solitario durante os seguintes catro anos. Despois volveron mandar os socialistas que, liderados de novo por García Guerrero, asumiron no ano 2007 a presdencia da corporación grazas ao apoio dos tres concelleiros do BNG.

Despois de catro lexislaturas de continuo movemento na presidencia do Pazo da Alameda, no 2011, os socialistas de García Guerrero conseguiron revalidar o goberno coa axuda dos dous concelleiros do BNG e os dous edís do NO.I.A., o novo partido xurdido dunha excisión do PP. Malia que no ano 2015 os resultados do PSOE foron malos, coa axuda dos dous edís de Marea, os dous do NO.I.A. e o concelleiro do BNG, ocupaba a alcaldía o socialista Paz Barreiro. No entanto, ao ano seguinte, no 2016, tivo que deixar de presidir a corporación por culpa dunha moción de censura presentada polos oito edís do Partido Popular e os dous integrantes do NO.I.A.

Asumía deste xeito a alcaldía Freire Abeijón, que tres anos despois, no 2019, sería elixido como alcalde grazas aos dous escanos do NO.I.A. Esta coalición repetiríase no ano 2023 cando Freire conseguiu a mesma axuda. Pero no mes de agosto do ano 2025, unha moción de censura, apoiada esta vez polo PSOE, Marea, BNG e a «fichaxe estrela» do PP nos comicios anteriores, rematou cos nove anos dos conservadores na alcaldía. O novo rexedor sería o socialista, Pérez Caamaño.

Ofrecida esta apertada secuencia sobre as últimas tres décadas no goberno municipal de Noia, pódense tirar dez claras conclusións. Primeira, dende o ano 1995, os populares sempre foron a opción máis votada. Segunda, nunha ocasión tiveron a maioría absoluta, no ano 2003 con Pérez Ínsua. Terceira, nos seus mandatos, tres de García Guerrero e un de Paz Barreiro, o PSOE sempre precisou doutros partidos. Cuarta, nos catro últimos comicios electorais os resultados dos socialistas foron nitidamente á baixa. Quinta, dende a «revolta nacionalista» de Pastor Alonso e Bieito González, entre o 1987 e o 1995, o BNG viuse moi afastado da alcaldía. Sexta, nestas tres décadas só houbo unha alcaldesa, a única no Barbanza xunto con Teresa Villaverde, rexedora de Lousame dende o 2012 —quen, por certo, acaba de presentar a súa renuncia ao cargo—. Sétima, o NO.I.A. converteuse nas catro últimas lexislaturas nun partido bisagra. Oitava, Noia é un dos poucos municipios de Galicia onde triunfaron dúas mocións de censura. Novena, o Pazo da Alameda terá dende agora un concelleiro tránsfuga, un ovni que nunca se vira na democracia municipal. Por último, após trinta anos, a ría esmorece cada día.

Pérez Caamaño colle o bastón que lle cede Freire Abeijón FOTo ELENA FERNÁNDEZ