Carlos Romero: «Este club está feito para Outes, a nosa filosofía é contar cos nenos do pobo»

laura martelo OUTES / CORRESPONSAL

OUTES

laura martelo

Leva 11 anos na directiva do Outes e 25 dedicado á formación deportiva dos nenos

06 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Leva toda unha vida dedicándose ao deporte como técnico do Concello de Outes. Carlos Romero, O Marilo, como se refiren cariñosamente a el boa parte dos veciños, comezou con isto do deporte hai máis de 25 anos, cando tanto el coma os membros do seu grupo de amigos adestraban aos nenos e nenas. «O tema dos deportes foi de sempre», di cun sorriso. Baloncesto, fútbol sala, brilé, bádminton... poucos deportes lle faltaron por inculcar a moitas xeracións de rapaces que pasaron polas instalacións deportivas municipais.

Romero sempre estivo moi vinculado ao deporte rei a través do Outes F.?C., formando parte do equipo dende os seus inicios ata a súa primeira disolución no ano 1995, momento no que permaneceu no Lira durante dúas tempadas. Xa no ano 1997, o equipo retomou a actividade durante outros cinco anos, momento no que volveu desaparecer ata o 2009. Neste punto, el decidiu saldar a débeda pendente co fútbol, unha débeda «que non podía deixar pasar», incorporándose á directiva do Outes F.?C. como coordinador deportivo e ocupando a secretaría.

As razóns para retomar o club partiron das demandas da propia cidadanía, que botaba de menos contar cun equipo: «Era algo que nos pedía a xente. Non era lóxico que Outes non contara cun equipo de fútbol onde os rapaces puideran mellorar deportivamente». Os resultados obtidos nestes últimos anos falan por si sós, xa que o conxunto é referente nas categorías inferiores. «En fútbol 8, practicamente quedamos campións ou subcampións todos os anos», di.

Precisamente é o froito do traballo dende as bases que a directiva do club leva impulsando dende os seus comezos, apostando pola creación dunha canteira ben formada que vaia nutrindo ás categorías superiores. «Os resultados deportivos na base son os que realmente nos dan ese plus agora mesmo, e eses nenos que agora van subindo son os que quedan no primeiro equipo», explica.

Éxitos en todos os niveis

Este é o centro da filosofía do Outes, tal e como comenta Romero, que busca novas incorporacións entre os veciños máis novos, aínda que segundo apunta, tamén lle dan a benvida a rapaces dos municipios da redonda: «Este club está feito para Outes, a nosa filosofía é contar cos nenos do pobo», puntualiza. Con todo, os éxitos non se limitan ás categorías máis novas, posto que as superiores aportan moitas alegrías tanto á directiva como aos afeccionados. Concretamente, o equipo cadete conseguiu esta temporada o ascenso a Primeira Autonómica, mentres que os veteranos acadaron un posto en Primeira Autonómica, uns fitos que non se poderían conseguir sen o apoio dos afeccionados, colaboradores e das distintas corporacións municipais, tal e como sinala Romero.

Loxicamente, a irrupción da crise sanitaria afectou sensiblemente ao funcionamento do club, cortando as posibilidades de ascender na liga galega para as categorías cadete e xuvenil, nun ano no que se situaban nos primeiros postos da clasificación. Con todo, isto non significa que non sigan traballando para acadar os obxectivos soñados tanto pola directiva como polo equipo deportivo. Concretando nas aspiracións e desexos, tanto a directiva como Romero teñen claro que a ambición é a sostibilidade no tempo do club para que «durante moitos anos siga existindo o Outes F.?C.», ademais de establecerse en Primeira Autonómica ou na Liga da Costa sendo competitivos.

Aínda que agora forma parte da directiva do Outes, Carlos Romero confesa que un dos deportes que lle deu maiores alegrías foi o bádminton: «En pouco tempo puxémonos a nivel galego, sendo campións dous anos consecutivos en cadete masculino e subcampións en categoría feminina». Foron estes grandes éxitos no deporte de raqueta os que o puxeron no punto de mira da Selección Galega, que o considerou para seleccionador de sub-17. «Para min é un orgullo moi grande poder representar á miña comunidade autónoma nun campionato de España», comenta cun grande sorriso de satisfacción polo esforzo realizado ao longo destes anos no eido deportivo.