As mulleres transportaban os produtos da terra no barco creado en Outes
02 nov 2024 . Actualizado a las 18:24 h.Achegarse á historia da embarcación sancosmeiro supón entrar de cheo nun dos episodios máis xenuínos da rica e extensa etnografía marítima galega. Esta embarcación nace entre a primeira e a segunda década do século XX e comparte o nome en competencia co famoso sombreiro de palla nacido na parroquia de Santo Ourente (Outes). O sombreiro aínda ten na actualidade recoñecida fama como produto artesanal e goza do recoñecemento como símbolo do bo facer da artesanía local.
O sombreiro está vivo e presente como supervivente dunha época e dun saber facer. Na actualidade, está integrado con pleno sentido produtivo e comercial, mais non ocorre o mesmo co barco oriúndo da parroquia de San Cosme, no concello de Outes e que por proximidade co Freixo, gran santuario da construción naval en madeira da época, comparte co mesmo a fama dos seus carpinteiros de ribeira.
Con respecto ao sombreiro, orixinario da parroquia de Santo Ourente, por que se coñece como sancosmeiro? Resulta verdadeiramente curiosa a resposta que me deron: contan que unha manchea de anos atrás houbo unha exposición nos Estados Unidos de América e apareceu por alí o susodito sombreiro. O comisario da mostra, que era de produtos artesáns, indagou pola orixe de tan peculiar obxecto, pois chamoulle moito a atención a súa técnica de elaboración. Alguén o informou de que se trataba de un sombreiro feito en Galicia, no concello de Outes, e de que se coñecía co nome de sancosmeiro.
Resulta evidente que esta explicación non respondía á orixe de tan marabilloso obxecto, senón ó nome co que se coñecía o mesmo. Esta denominación respondía ó feito de que se vendían moitos para a parroquia de San Cosme e de que as súas mulleres o utilizaban con estiloso garbo; polo que puiden comprobar non existe hoxe en día debate sobre a cuestión da súa orixe.
Nace o barco
O barco sancosmeiro nace como resposta a unha necesidade concreta nun momento histórico determinado e nun contexto social de precariedade extrema. Nestas circunstancias, a embarcación supuxo a creación de proxectos persoais emancipadores, en especial no caso das mulleres, xa que era moi común que a compañía de transporte marítimo de produtos da horta e outras mercadorías a conformaran o matrimonio traballando en conxunto, onde o papel da muller era vital, pasando de traballar a horta para consumo propio e subsistencia a considerala como negocio produtivo e comercial.
Así é como o conta Adoración Blanco Rama, filla de Xosé, patrón do sancosmeiro León, que ela, xa ben noviña, empezou no barco do seu pai a transportar todo tipo de produtos cos que se podía comerciar, incluídos animais, e ían á feira de Noia os xoves e domingos; á de e Esteiro os martes e venres; á de Muros os venres. Adoración chegou a patronear o León en moitas ocasións, e garda na memoria mil e unha anécdotas daqueles tempos heroicos nos que saían a navegar aínda que as condicións do vento e do mar non foran as axeitadas, pero era neses días precisamente cando se podía facer mellor negocio.
Adoración tiña dez tíos, dos cales oito eran patróns e propietarios de sancosmeiros, e mesmo se lembra de algúns dos nomes dos barcos: María, Moderno, Manuel, Modesto, Vamos Indo, Dos Hermanos e tamén de moitos armadores: Lelo de Montes, Modesto Blanco, Xaquín de Montes, Ignacio de Alveida, Manuel Rama (O Requeno), Evaristo Rama, o Lumbeiro, Ché da Lumbeira, etc...
A maioría deles formaban tándem coas súas mulleres, conformando unha economía local a pequena escala que trouxo prosperidade á aldea e que se adiviña na faciana de Adoración cando fala de aqueles anos e do rol de mulleres como Teresa de Iginio, María de Nimo ou Dominga da Paxara, auténticas matriarcas que, pola súa experiencia e sabedoría, eran consideradas polo grupo familiar e pola comunidade como unha autoridade a respectar.
Asesoramento
O carpinteiro de ribeira foi sinalado historicamente polo nobre irmandamento co armador e co mariñeiro, cos cales, máis que facer negocio, practicaba unha política de asesoramento e orientación: non resulta difícil imaxina-lo mestre carpinteiro de ribeira escoitando a problemática das mulleres de San Cosme para vender e idear un medio de transporte marítimo eficaz e que solucionara os problemas de transporte por terra que case facía inviábel o negocio dos produtos das fértiles hortas de San Cosme, dada a súa situación xeográfica afastada dos mercados por terra pero pretiño deles por mar.
Non coñecémo-lo carpinteiro de ribeira creador desta tipoloxía, pero si sabemos que foi alí, na parroquia de San Cosme, na zona do Riqueixo e na Bujalleira, onde se construían estas embarcacións. Nese contorno da costa había moitos estaleiros, onde mestres carpinteiros de ribeira como Manolo García, O Rulo, Tomás de Guiribaia e outros, afanábanse en construír os máis rudos e potentes sancosmeiros.
Os sancosmeiros tiveron tamén como botes de carga un papel relevante na construción do dique de Noia e da presa de Barrié de la Maza, transportando cemento e distintos materiais. Inicialmente propulsábase a remo e a vela, pero chegaron a montar motores Ayon que se fabricaban na propia vila de Noia.
No marisqueo
Tamén se dedicaron ó marisqueo ata finais da década dos anos setenta, cando se iniciou o seu declive e practicamente a desaparición desta tipoloxía substituída por outros barcos máis eficientes para a motorización.
O barco sancosmeiro é un claro exemplo de simbiose entre o mar e a terra, entre o territorio e as xentes, que transformou a subsistencia en progreso económico e social, e forma parte destacada do patrimonio marítimo flotante galego co que estaremos en débeda mentres non vexamos de novo unha réplica do León navegando pola ría.