Outes, entre mocións e tensión política

MILAGROS TORRADO CESPÓN

OUTES

No documento, o alcalde, Jesús Martínez, pedía ao gobernador que cubrise os postos vacantes para «dar cima a los servicios y proyectos que se hallan pendientes»
No documento, o alcalde, Jesús Martínez, pedía ao gobernador que cubrise os postos vacantes para «dar cima a los servicios y proyectos que se hallan pendientes»

Hai 92 anos, a renuncia de tres concelleiros de esquerdas bloqueaba a acción de goberno

28 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai pouco, o concello de Outes viuse envolto nunha moción de censura debido ao cambio de parecer dun concelleiro do PSOE que apoiou ao PP para facerse coa alcaldía. O primeiro, foi recibido a berros de «xudas!», o alcalde entrante proferiu acusacións de «inoperante e inestable» cara ao saínte e, este último, acusounos de estar envoltos nunha trama para «ocupar o poder en toda a costa». Hai 92 anos, este concello tamén se viu envolto na polémica, neste caso, no ambiente prebélico da Guerra Civil, que enfrontaba monárquicos e republicanos.

O 14 de xuño de 1933, Juan Rodríguez e Eduardo Vázquez, presidentes da Sociedade de Estibadores e a da Sociedade de Carpinteiros do Freixo, escribían ao gobernador civil da provincia para expoñer a situación política no Concello de Outes, que estaba a xerar unha crecente preocupación entre a veciñanza, temerosa do regreso ao poder de sectores monárquicos vinculados á ditadura. A renuncia de tres concelleiros da maioría republicano-socialista permitía que a dereita, encabezada por Domingo Lourido Nieto, Manuel Alborés e José Lourido, igualase en número de representantes á esquerda, bloqueando a acción de goberno.

Estes sectores progresistas denunciaban que ditos concelleiros dereitistas, afiliados á Unión Regional de Derechas, e apoiados pola Liga de Amigos de Outes, estaban a obstruír a gobernabilidade municipal. Un episodio vivido na sala de sesións do Concello —onde só a intervención do alcalde e dalgúns asistentes evitou un conflito maior—, puxo de manifesto a gravidade da situación. Chegados a este punto, declaraban que a veciñanza víase determinada a «tomar a xustiza pola man», algo totalmente contrario ao parecer dos autores da misiva, que declaraban que «a violencia só serve para causar trastornos a todos e desacreditar o réxime».

As sociedades republicanas instaban as autoridades a cubrir de inmediato as vacantes con ex-concelleiros de recoñecida traxectoria e lealdade ao Réxime, advertindo que a inacción podería derivar nunha escalada de tensión semellante á vivida no veciño concello de Mazaricos.

O gobernador civil recibía a queixa pouco tempo despois desta instancia de que non se celebraban as sesións ordinarias nin supletorias. Esta viña asinada polos devanditos concelleiros dereitistas, que se declaraban en maioría e viñan protestar contra o «desastre económico e administrativo que este proceder supón». Estes feitos foran denunciados por telegrama anteriormente, despois da sesión na que o alcalde se viu obrigado a disolver por mor da incitación á violencia por parte destes concelleiros.

O alcalde, Jesús Martínez, en contestación, expoñía que lle resultaba imposible realizar as sesións con seguridade debido ás coaccións promovidas por distintas sociedades, e acusaba ao presidente da sociedade Liga de Amigos por promover a desorde, tal e como se poñía de manifesto na protesta inicial remitida en xuño.

En agosto do 1933, o gobernador civil comunícalle ao alcalde de Outes que debe «facer uso da súa autoridade, solicitando, se fose preciso, o auxilio da forza pública e denunciando os feitos de coacción ante o xulgado correspondente».

No documento, o alcalde, Jesús Martínez, pedía ao gobernador que cubrise os postos vacantes para «dar cima a los servicios y proyectos que se hallan pendientes»