Cen anos de construción naval en O Son

Manuel Mariño del Río

PORTO DO SON

No século XX os carpinteiros de ribeira sonenses gozaban de moita sona

26 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

No século XIX construíronse moitas embarcacións tradicionais por carpinteiros de ribeira, tanto en Porto do Son como en Portosín. Daquela, a dársena sonense e a praia de Portosín fóronse enchendo de lanchas (as máis grandes volanteiras), dornas, bucetas e tamén barcos de maior porte, como galeóns e balandros. Logo virían as traiñeiras a comezos do XX e, a partir da década dos anos vinte do século pasado, tamén se construíron racús, embarcacións que normalmente non superaban os 10 metros de eslora pero que deron moi bos resultados na pesca.

Foi a partir de 1918 cando se armaron na praia grandes navíos cos que se levaba a cabo a actividade comercial. O primeiro foi o pailebote Portosín construído aquel ano en Portosín por Manuel Brea Priegue para o armador sonense Casto Oviedo Maneiro e vendido ese mesmo ano a Enrique Rodríguez Lafuente. Tiña unha eslora de 26,80 metros, 128,92 toneladas de rexistro bruto (TRB), e un valor de 88.000 pesetas.

O segundo foi o bergantín-goleta Puerto del Son, construído en 1920 na praia da vila sonense por encargo dos armadores Félix Pouso Alcalde e Manuel Fernández Sieira a José Tomé Avilés e, posteriormente, a Eladio Santos Carou e Eduardo Abal Vidal. A súa eslora superaba os 36 metros, 276 TRB e custara 100.000 pesetas.

O terceiro foi a goleta Margarita Lomba, construída en Punta Cabalo, Miñortos, en 1921, por Benito Lomba Barreiro para o armador Manuel Lomba Vidal, veciño daquel lugar. Medía 26,38 metros de eslora e 121 TRB, e custara 90.000 ptas.

Para facer a coñecida como carreira de Vigo, Eladio Santos Carou construíu, en 1920, o balandro Monte Louro para os fomentadores Mamerto Ferrer Romaní e José Romero Mariño, veciños de Porto do Son. Era unha embarcación de 15,75 metros de eslora, 32,28 TRB, e custou 12.000 ptas. Este barco facía viaxes a Vigo xunto co María Teresa ata que foi vendido a un veciño de Carnota. Construído no Freixo para catro veciños daquela zona. En 1924 era xa propiedade dos irmáns José e Manuel Calo Brión, do Son. Tiña 14,36 metros, 23,40 TRB e custara 5.000 pesetas.

Vapor e diésel

Neste período comezou a construción doutro tipo de barcos movidos por motor de vapor ou diésel, denominadas motonaves, que traballarían en parella. Para adquirilas formáronse varias sociedades coa achega económica de varios accionistas. Aquela idea non acadou os resultados pretendidos e moitos dos accionistas víronse practicamente na ruína.

En 1918, Manuel Brea Priegue construíu no Freixo a Pepe Lestón para o armador sonense Manuel Lestón Lojo. En 1920 a sociedade Lestón Hnos. y Cía con armadores sonenses, mandoulle facer en Bouzas-Vigo a motonave Florida ao carpinteiro José Iglesias. A súa parella, a Cadarso, construiríase en Portosín por Manuel Brea Priegue para a mesma sociedade ao ano seguinte.

A Compañía Pescadora del Puerto del Son, S.A. mandou construír tamén dúas novas motonaves ao carpinteiro de ribeira sonense Eladio Santos Carou. En 1920 a Atalaya e en 1921 a Agudela. As dúas embarcacións foron vendidas en Vigo o ano 1922.

Imaxe antiga dunha embarcación construída nos estaleiros sonenses