Que faría se fose alcalde Anxo Queiruga? «Poñería a limpeza diaria dos areais do Porto do Son»

J. b. REDACCIÓN / LA VOZ

PORTO DO SON

PACO RODRÍGUEZ

O presidente da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade advirte de que «non se poden facer beirarrúas que non sexan accesibles»

22 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Como presidente da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade, Anxo Queiruga coñece perfectamente as dificultades coas que se enfronta diariamente o colectivo. Por ese motivo, a súa viaxe momentánea á alcaldía do Porto do Son presenta un especial coidado nese punto. «Non se poden facer beirarrúas que non sexan accesibles», subliña a modo de exemplo. Unha filosofía que leva a case todas as súas propostas: «Faría un especial esforzo en manter os areais limpos, cun servizo de limpeza diario no que se baleirasen as papeleiras. Tamén reforzaría a vixilancia e poría baños para todo o mundo, porque se non unha persoa con discapacidade non podería ir».

Dentro do seu plan de traballo, Queiruga reforzaría a «atención ás persoas máis vulnerables». Para iso, «os servizos sociais deberían ser unha área cos recursos suficientes». Dío polo que ve a diario: «Aquí a maioría da xente é pensionista. A xente vive cada vez máis anos. Deberíanse potenciar os recursos nesas áreas. O mesmo, nas discapacidades». Tamén mira ao emprego: «Dentro das competencias do Concello hai que fomentar e impulsar a inserción laboral da poboación xeral e colectivos especiais. Aquí hai un tema moi importante, o turismo e a costa. Cada vez vén máis xente no verán para ver a praia das Furnas ou de Baroña. Pero teñen moi pouca oferta. Por exemplo, para aloxarse é algo residual».

«Para crear un turismo de calidade hai que dar uns servizos de calidade», reflexiona Queiruga, que intensificaría a oferta de lecer: «Hai bastante surf, pero hai que aumentar». E tamén apostar por unha comunicación constante coa xente do mar para facer de interlocutor coa Xunta.