O Concello adheriuse ao alzamento nacional proclamado polos xerais O?Donnell e Dulce
01 jun 2024 . Actualizado a las 08:03 h.A revolución de 1854 foi un pronuncianento militar, seguido dunha insurrección popular que se producíu entre o 28 de xuño e o 28 de xullo durante o reinado de Isabel II. Daquela, os moderados Ríos Rosas e J. Francisco Pacheco contactaron con varios militares como o xeral Leopoldo O´Donnell e progresistas como Domingo Dulce, Ros de Olano e Mesina para organizar un pronunciamento co obxectivo de obrigar a raíña Isabel II a substituír o goberno do conde de San Luís por outro de conciliación liberal.
A revolución comezou o día 28 de xuño de 1854, e dous días despois as tropas ao mando de O´Donnell enfrontáronse coas fieis ao Goberno na localidade madrileña de Vicálvaro —de aí o nome de Vicalvarada que recibíu a rebelión—. O resultado da contenda resultou incerto pois os dous bandos proclamaríanse vencedores. As forzas de O´Donnell retiráronse cara ao sur, agardando outras unidades militares e o apoio popular. Logo da xuntanza con Serrano, decidíu cambiar de estratexia. O manifesto de Manzanares, que se fixo público o 7 de xullo, propuña a conservación do trono pero sen influencias externas que o puxese en perigo. Prometía unha rebaixa nos importos, o restablecemento da milicia nacional, a rexeneración liberal coa aprobación de novas leis, a convocatoria de Cortes, a descentralización administrativa...
Unha segunda fase, con protagonismo progresista e demócrata, tivo lugar en xullo en Barcelona, Madrid e outras capitais. Así estaban as cousas cando a raíña destituíu o conde de San Luís cedendo a presidencia varias veces, sen éxito. Finalmente chamou ao xeral Baldomero Espartero para que formase Goberno, ao tempo que lle pedíu a O´Donnell que regresase á Corte. Espartero puxo unhas condicións que foron aceptadas pola raíña, que ordeou publicar un manifesto dirixido ao país o 26 de xullo.
Aquel mesmo día, no libro de actas do Concello de Porto do Son rexistrouse o acordo da corporación municipal adheríndose ao alzamento nacional proclamado polos xerais O´Donnell e Dulce nas inmediacións da capital da monarquía. O texto foi o seguinte: «En la Casa Consistorial del Ayuntamiento del Puerto del Son a veintiseis de Julio de mil ochocientos cincuenta y cuatro: Reunido el Ayuntamiento en sesión extraordinaria convocado por el Señor Alcalde Presidente,-Jerónimo Mariño-, se dio cuenta por el mismo de un oficio de la Escma. Junta de Gobierno de la ciudad de Santiago, fecha veintitrés del actual por el que se manifiesta que dicha ciudad ha secundado el grito de Libertad, moralidad y economía pronunciado por los generales O´Donnell y Dulce. Enterada la Corporación acordó adherirse de conformidad a tan glorioso alzamiento, a cuyo fin quiere que se fijen inmediatamente al público copias de las proclamas que acompañan dicho oficio (…) y reconociendo desde ahora y hasta que se instale el Gobierno legitimamente aceptado por la Nación, a la expresada Escma Junta Popular de Santiago cuyos individuos merecen por sus antecedentes y padecimientos políticos toda la confianza que ha menester esta desgraciada patria tan agoviada por gobiernos arbitrarios, y por último que de todo ello se dé conocimiento a la misma superioridad ofreciéndole todo el apoyo de este Ayuntamiento y Distrito municipal».