O Lagarto en Aguiño

ISABEL SANTOS

PORTO DO SON

«No casco urbano de Aguiño unha rúa leva o curioso nome de O Lagarto, de escaso rexistro na nosa toponimia, pois só hai dous máis»

31 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

No casco urbano de Aguiño unha rúa leva o curioso nome de O Lagarto, de escaso rexistro na nosa toponimia, pois só hai dous máis: un en Porto do Son e outro no concello pontevedrés de A Cañiza. No resto da península puidemos rastrexar o pobo palentino Lagartos. Tamén, o que podería ser unha variante, a parroquia de A Estrada Lagartóns.

Se nos centramos nunha orixe máis referida ás características orográficas, podemos sacar un dos significados da palabra latina lacertum: «brazo», para referirnos a fincas estreitas ou alongadas; pois aínda hoxe en Zamora se lle chama ao xarrete ou pata de cordeiro «lagarto», o mesmo nome que recibe unha peza de carne de porco moi alongada e estreita.

A non ser que esteamos a falar dun zootopónimo, daquela a forma do latín vulgar lacartum, procedente da clásica lacertum, de significado «lagarto», sería a súa orixe. A cuestión é por que non leva sufixo abundancial, como acostuma figurar en Leboreiro, Raposeira, Conlleira ou Lobeira. Tamén sorprende o uso dun nome de réptil, cando as nosas referencias toponímicas adoitan ser doutras especies.