Unha vintena de citas culturais para animar o verán en Rianxo

Ana Gerpe Varela
a. Gerpe RIBEIRA / LA VOZ

RIANXO

Cedida

O programa arranca a fin de semana co encontro internacional Zona da Zanfona e inclúe novidades como o Festival da Lúa

02 jul 2021 . Actualizado a las 13:07 h.

Música de diversos estilos, monólogos, cine, ciencia, exposicións e accións formativas constitúen a esencia da proposta cultural para o verán dada a coñecer onte polo Concello de Rianxo. Máis dunha vintena de citas que inclúen novidades como o Festival da Lúa, que terá lugar do 30 ao 31 de xullo. Trátase dunha experiencia de iluminación artística a desenvolver en varios edificios e lugares da vila.

As actividades arrancarán mañá co encontro internacional Zona da Zanfona, un festival da manivela musical único na Península, organizado pola Central Folque e promovido desde o Concello, que cumpre dezasete anos. Desenvolverase os días 3, 4, 9, 10 e 11, contando con iniciativas para o público local e para o especializado que se achegue ao municipio. Tamén cabe destacar o Festival Titiribeira, que terá lugar do 20 ao 24 deste mes e que inclúe representacións en todas as parroquias.

Varios espectáculos

Moitas son as citas destacadas neste completo cartel con varios espectáculos. Un deles é un de baile titulado A viaxe de Sairae a gárgola do mestre Mateo, que será a vindeira semana e que conta coa participación da agrupación local Fogo Fatuo.

De igual xeito, hai unha proposta da iniciativa privada coa que colabora o Concello, Tempos Modernos, do rianxeiro Duarte Galbán no que intervén Xosé Antonio Touriñán. Trátase do único espectáculo de pago no calendario estival e levarase a cabo o día 31 deste mes.

No exterior do CEIP Castelao

Cabe resaltar que a situación da pandemia obrigou ao departamento de Cultura de Rianxo a establecer medidas á hora de realizar as actividades. A maioría delas levaranse a cabo no exterior do CEIP Castelao, onde se habilitou un espazo con capacidade para 250 espectadores que, no caso de algún dos eventos, poderá chegar ás 400 prazas.

En caso de mal tempo, os espectáculos trasladaranse ao auditorio ou, no seu caso, aos centros culturais das parroquias.

Para poder asistir haberá que facer unha solicitude previa na web do Concello. Á hora de facer a petición será preciso indicar o nome completo e o teléfono de contacto de cada unha das persoas para as que se solicita reserva e a calidade de conviventes.

Dende a organización indícase que as solicitudes faranse efectivas cando sexan confirmadas polo Concello, adxudicando unha localidade específica a cada persoa tanto en exterior como, se fora o caso, en interior.

No acto de presentación estivo presente o alcalde, Adolfo Muíños, acompañado por Duarte Galbán, Mauro Senín, da Central Folque, e Larraitz Urruzola, implicada no Festival Titiribeira.

Non faltará nesta programación o tradicional Rock in Rian, promovido pola entidade do mesmo nome e que está previsto para o 13 e 14 de agosto. Para o 24 de xullo figura na axenda o concerto de Óscar Ibáñez & Tribo, mentres que o 13 de agosto actuará Barahunda e o 27 dese mes os protagonistas serán Sabela King & the Heartbreakers.

Cabe destacar que tampouco faltará o ciclo de música de banda, organizado pola EMR, que incluirá actuacións de formacións de Teo, A Pobra e a propia banda da EMR.