![](https://img.lavdg.com/sc/h_wqgOcuQIkb3a_zXQk2aVRo_r8=/480x/2023/02/24/00121677268322542696567/Foto/B17A9066.jpg)
O concello é o único da contorna que sempre estivo gobernado pola esquerda
25 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.A vitoria por maioría absoluta do PSOE nas primeiras eleccións democráticas no 1979, elevou a Xosé Bravo Frieiro como mandatario de Rianxo. Despois de gobernar durante tres lexislaturas, os medios de comunicación anunciaron que Bravo Frieiro abandonaría a alcaldía. Cando o 26 de maio de 1991 se celebraron as cuartas eleccións municipais, un PSOE renovado volveu acadar a maioría absoluta. Pero no ano 1994, tal como apuntaban as diferentes informacións, o mandatario presentou a súa renuncia. E así o recollía La Voz de Galicia: «Emotiva despedida del alcalde de la villa de Rianxo». No ano 1995, o mestre Pedro Piñeiro Hermida, que concorrera ás eleccións co PSOE, sería elixido como novo alcalde. E, tal como fixera Xosé Bravo Frieiro, ganaría nas tres seguintes eleccións: 1999, 2003 e 2007. Deste xeito, Rianxo converteuse nun concello único no ámbito da Barbanza porque, despois de oito lexislaturas, sempre gobernou o mesmo partido político.
No ano 2011, malia non ser socialista nin obter a maioría absoluta, saíu elixido pola lista do BNG Adolfo Muíños, que formou un bipartito co PSOE, algo inédito en Rianxo e que, nun principio, algúns viron coma un experimento. Pero con ilusión e traballo, o novo alcalde conseguiu que este goberno de coalición, sen airear as diferenzas nin ventear conflitos, funcionase aceptablemente. Despois das eleccións do ano 2015, Adolfo Muíños conseguiu gobernar o concello en minoría, tras a negativa dos socialistas a reeditar a coalición, iniciando unha etapa política complicada dados os problemas derivados da crise económica. Unha situación que non lle impediu renovar o mandato como alcalde de Rianxo por terceira vez no 2019, volvendo ao bipartito co que comezara a súa andaina como rexedor rianxeiro.
Despois de tres lexislaturas de goberno ininterrompido, Adolfo Muíños, a través dunha decisión «persoal e individual para volver á súa profesión e gañar acougo e certo anonimato», renunciou a presentarse por cuarta vez para acceder á alcaldía de Rianxo no ano 2023.
Durante estes 12 anos de mandato, o líder local do BNG deixa entre os veciños desta vila mariñeira e literaria unha pegada indeleble. E unha alcaldía que sempre presidiu coma un lema gravado nos perpiaños do edificio do concello: «Esta é a patria de Castelao». Unha decidida aposta reafirmada con estoutras palabras: «Intentamos ser fieis ao seu pensamento e defender con unllas e dentes o noso patrimonio, a nosa lingua e a nosa cultura». Sen dúbida, un senlleiro compromiso que amosa a particular visión que ten este alcalde sobre a importancia da cultura. As súas últimas declaracións nas que aseguraba que «Rianxo non é un concello calquera», explican tamén a personalidade dun home que sente con fachenda os froitos deixados polos fillos da súa terra, como Rafael Dieste, Brea Segade ou Faustino Rey.
Adolfo Muíños vaise da primeira liña da política logo de confesar que, malia que lle doeu non atopar complicidade na administración para mellorar certos servizos básicos do seu concello, a súa maior satisfacción como rexedor de Rianxo durante 12 anos «foi poñer nas Malveiras unha placa dedicada a Manuel Antonio».