Rianxo conmemora o nomeamento de Castelao como primeiro presidente de Galicia

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

RIANXO

CARMELA QUEIJEIRO

O xurista Xoán Antón Pérez analizou os argumentos que motivaron a decisión tomada por unanimidade no Parlamento

29 ene 2024 . Actualizado a las 16:03 h.

Hai un ano que o Parlamento aprobou, por unanimidade, a declaración de Castelao como primeiro presidente de Galicia, por telo sido no exilio do consello que se constituíu lexitimado pola aprobación en referendo do Estatuto de Autonomía. Desde entón nada se fixo para celebrar este nomeamento ata este domingo, cando o Partido Galeguista reuniu en Rianxo a unha vintena de asociacións ao redor de dito recoñecemento, facéndoo coincidir coa cita que anualmente se vén celebrando na vila mariñeira cada xaneiro, por ser o mes no que naceu e finou o ilustre escritor.

Abriu o acto celebrado na casa consistorial o alcalde, Julián Bustelo, quen lle cedeu a palabra ao xurista Xoán Antón Pérez Lema, responsable do argumentario político e xurídico que se esgrimiu para conseguir esa declaración de Castelao como primeiro presidente de Galicia. El debullou os aspectos máis relevantes do documento que se elevou ao Parlamento.

En representación das fundacións galegas convidadas ao acto falou Anxo Angueira, presidente da entidade encargada de preservar a memoria e o legado de Rosalía de Castro. El destacou a importancia que, como a escritora do Sar, Castelao ten na literatura galega, pero tamén en outros eidos, como o social e o político, referíndose ao papel fundamental que xogou no galeguismo.

A través de vídeos que foron proxectados tamén diversas asociacións na emigración quixeron sumarse ao acto, ofrecendo a súa visión sobre Castelao e celebrando o seu nomeamento como primeiro presidente de Galicia.

Por parte do Partido Galeguista interveu o secretario, Francisco López, Chesqui, que explicou o camiño percorrido pola formación para conseguir que esa proposta fora tida en conta polo Parlamento. Tamén insistiu na necesidade de dar agora un paso máis, celebrando un gran acto institucional no que se lle renda homenaxe a Castelao como expresidente e no que estean presentes, ademais de todas as forzas políticas, representantes de outros sectores como o económico, o sindical e o social.

A poesía estivo presente no acto de Rianxo da man de Ana Vila, que leu uns versos. A clausura chegou coas verbas de Luís González Tosar, presidente do Pen Clube de Galicia, que ofreceu un discurso dándolle voz á emigración e sumándose á reivindicación dun acto para honrar a Castelao como presidente.