Máis de 300 nenos rianxeiros cantaron xunto a Pauliña e Xurxo Souto na iniciativa Embaixadores Rock in Rian
RIANXO
Outros 200 menores pasarán este luns polas táboas do auditorio municipal da man de Sés y Dios ke te Crew
13 abr 2024 . Actualizado a las 15:58 h.A vida cultural é o corazón de Rianxo, por iso os membros da Asociación Festival Rock in Rian apostaron este ano por incluír aos máis cativos nunha actividade feita a medida para eles. Onte os rapaces dos colexios Brea Segade de Taragoña e Afonso Daniel Rodríguez Castelao foron os primeiros en participar na iniciativa Embaixadores Rock in Rian.
O proxecto, que botou a andar este mesmo ano, logrou levar ata a vila rianxeira á cantante Pauliña, que fixo protagonistas aos máis pequenos incluíndoos na gravación do seu tema Nais e avoas. Algo semellante fixeron os alumnos do Castelao, que se lanzaron ao mundo da música profesional da man de Xurxo Souto cunha composición do profesor José Luis Dopico e Bernal Muíños, organizador desta primeira edición do proxecto.
Igualmente, aínda quedan por pasar polas táboas do auditorio municipal 150 nenos do colexio Ana María Diéguez que prestarán as súas voces para gravar o tema Semente de vencer coa cantante Sés. Os últimos en participar serán os adolescentes do IES Félix Muriel, que porán o toque urbano á actividade colaborando cos rapeiros de Dios ke te Crew.
Todo o ano
Segundo Muíños, o importante para os organizadores é estar máis presentes na vida cultural de Rianxo durante todo o ano así como conectar ás xeracións máis novas con estilos musicais cos que quizais non están tan en contacto, sobre todo en lingua galega: «Queremos que se converta nunha iniciativa anual e que os rapaces poidan converterse en protagonistas da música na súa lingua con artistas que igual lles quedan un pouco máis lonxe».
Sobre o espírito de confraternidade da xornada, o tamén músico rianxeiro destacou o bo facer dos artistas convidados, que dende o primeiro momento se prestaron a cantar e bailar cos rapaces e a resolver todas as dúbidas que estes quixesen expresarlles. Pola súa banda, os máis novos da vila corresponderon esta mostra de cariño cun comportamento exemplar: «É marabilloso ver aos nenos emocionados e involucrados no proxecto».