Che o Xacobiño, o home co corazón partido que aparcou o tractor para sempre

Marta Gómez Regenjo
M. Gómez RIBEIRA / LA VOZ

RIANXO

CEDIDA

José Agrelo faleceu hai uns días, pero seguirá vivo no recordo dos seus veciños de Asados e do Araño

20 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Xa había un tempo que os veciños de Asados non vían nin escoitaban o tractor de José Agrelo, Che o Xacobiño para o común dos rianxeiros. El aparcouno para sempre, aínda que o seu inseparable vehículo acompañouno ata a súa última morada guiado por un dos seus netos. Agora descansan os dous despois dunha vida de traballo incansable na que xamais lle negou axuda a quen petou na súa porta.

O tractor co que traballaba as leiras, unha carroceta que tivo en tempos e que sempre estaba a dispor dos veciños que a precisasen e a súa fina ironía, a retranca que definía a súa maneira de expresarse, forman parte xa da memoria colectiva de Asados. Para outros veciños de Rianxo, o Xacobiño é coñecido polo estanco que leva o seu alcume, que fundara xa o seu bisavó e que soubo evolucionar para ser hoxe en día un dos negocios máis prósperos do municipio rianxeiro.

Outros tamén o coñecen polo seu corazón vermello, vermello Unión, o equipo de fútbol co que ten colaborado moi intensamente ao longo da súa vida. Unionista devoto, daba igual que chovera ou quentara o sol, sempre estaba dispoñible para regar o vello campo da Santa Lucía nas tardes de máis calor, ou para poñer as caneiras coas que se intentaba conter a euforia da afección rianxeira. Fixo ata de chofer, levando aos xogadores no seu Simca 500. Porque era, ante todo, un home xeneroso, sempre disposto a botar unha man, e por iso tamén estivo moi involucrado co asociacionismo da parroquia nas décadas dos 70 e 80.

Así é como o lembrarán os seus veciños. De como era de portas para dentro da casa dá conta a súa familia, que recordará con especial agarimo o atento e afectuoso que era cos seus.

Moitos pensarán que era de Asados de toda a vida, pero resulta que o Xacobiño tiña o corazón dividido entre as súas dúas patrias: Asados, onde se criou dende os 5 anos, e O Araño, onde naceu e parroquia á que sempre estivo moi ligado. Ese corazón dividido e vermello repousa xa para sempre, pero seguirá latindo na memoria da súa dona, as súas fillas, os netos e todos os que coñeceron a un dos bos e xenerosos.