Néstor Rego pecha a campaña en Ribeira defendendo a presenza do BNG en Madrid

Francisco Brea
F. Brea RIBEIRA

RIBEIRA

CARMELA QUEIJEIRO

Afirmou que os nacionalistas defenderán de xeito especial o sector pesqueiro

08 nov 2019 . Actualizado a las 21:42 h.

Dar voz a Galicia en Madrid foi a baza que xogou o candidato do BNG pola Coruña, Néstor Rego, no acto de peche de campaña que os nacionalistas celebraron onte no Liceo Marítimo de Ribeira. Rego pediu o voto para a súa formación co obxectivo de «facernos valer como país no Congreso». Neste sentido, afirmou que o Bloque ten que estar novamente na capital de España para evitar, por exemplo, que se elaboren uns orzamentos como os pactados polo PSOE e Unidas Podemos, que destinan a Galicia unha cantidade tres veces máis baixa que a do 2009, «cando dous deputados do BNG eran determinantes para a súa aprobación».

O candidato ao Congreso tamén fixo referencia ao mar e a pesca. Rego destacou que os nacionalistas defenderán de maneira especial este sector «fronte políticas nocivas que se deseñan en Bruxelas ou Madrid, e que levan á redución e destrución da nosa capacidade pesqueira». Referente a esta cuestión, Néstor Rego declarou que «as decisións non se poden tomar a seiscentos quilómetros mar adentro».

Presenza da comarca

No acto de peche de campaña, o candidato pola provincia estivo arroupado polo portavoz do BNG en Ribeira, Xosé Vázquez Cobas; o edil ribeirense Luís Pérez Barral, o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, e pola candidata ao Senado Tereixa Novo.

Quen non puido estar presente pero quixo mostrar o seu apoio foi o actor Quico Cadaval. O ribeirense enviou un vídeo que foi proxectado no salón do Liceo Marítimo.