Adam Barreiro: «Despois de xogar en Palmeira, A Tasca é un luxo»

S. GÓMEZ

RIBEIRA

Barreiro, durante un partido co Ribeira
Barreiro, durante un partido co Ribeira MARCOS CREO

Motivos persoais e as gañas de voltar a xogar cos amigos, levárono de volta para o Xuventú Aguiño

18 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Adam Barreiro (Ribeira, 1992) deixou A Fieiteira para regresar ao campo da Tasca. El é un dos xogadores que fai unha semana fíxose viral no épico Palmeira-Aguiño. Este domingo, fronte ao Oleiros, firmou un gol e unha asistencia, claves para que o seu equipo lidere a competición en Terceira Galicia.

-Que o levou a deixar o Ribeira?

-Foi un cúmulo de varias cousas, motivos persoais, gañas de xogar cos amigos... Preferín cambiar de aires.

-Está contento co cambio?

-Sí, xogar cos colegas sempre é algo que che gusta. Ao final xogamos a isto para pasalo ben.

-Pero segue de cerca a actualidade do seu último equipo?

-Si, claro. Cos compañeiros non tiven nunca ningún problema, todo o contrario.

-Espera que o Ribeira manteña a categoría?

-Si, si, iso sempre. Oxalá gañaran tódolos partidos de aquí ao final da tempada. Sería unha boa noticia para todos.

-E co Aguiño agora que lles toca? Pelexar polo título?

-É a nosa meta, pero tamén queremos pasalo ben.

-Gañáronlle con solidez ao Oleiros na Tasca. A pesar do vento e da choiva fixeron un bo partido.

-Estivemos ben, pero era o que lle dixen ao adestrador: despois de xogar en Palmeira, A Tasca é un luxo. Facía anos que non xogaba nun campo coma Ventín.

-Con mal tempo, Ventín é así.

-Está claro, aínda agora non sei como conseguimos empatar. A culpa é do árbitro por permitirnos xogar. Despois dicíanos que non vía as liñas do campo. Non era que non se viran, é que xa nin as había!

-Fixéronse virais por internet.

-Quedándome o balón no medio da charca [ri].

-Foi un debut atípico.

-Dimo a min!

-E agora cal é o seguinte paso?

-Temos que visitar ao Son. É un partido complicado, polo que me dixeron é o equipo que mellor xoga da liga. Propoñen bo fútbol, pero temos o reforzo de Pol, que nos fai falla en ataque.

-Contra o Oleiros estivo vostede de dianteiro.

-Estaba Cadórniga, e eu un pouco detrás del, con liberdade.