Francisco Suárez-Puerta, candidato do PSOE: «O obxectivo é claro, sacar ao PP do Concello de Ribeira»

Francisco Brea
Fran Brea RIBEIRA / LA VOZ

RIBEIRA

Francisco Suárez-Puerta, candidato socialista á alcaldía de Ribeira.
Francisco Suárez-Puerta, candidato socialista á alcaldía de Ribeira. MARCOS CREO

O socialista recoñece que a súa formación precisaba dunha renovación e móstrase contento co equipo formado

29 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Houbo expectación en torno a quen sería o candidato do PSOE en Ribeira. Finalmente, o elixido foi Francisco Suárez-Puerta, que afronta o reto con ganas.

—Por que deu o paso de encabezar a candidatura socialista?

—Para o noso entender, era necesaria unha renovación. Houbo un cambio xeracional e, de feito, dos 14 primeiros da lista, salvo un, temos 36 anos ou menos. E non só facía falta no partido, tamén en Ribeira.

—Como ve o municipio?

—Levamos 32 anos de goberno do PP. Hai que recoñecerlle logros nese tempo, como conseguir o hospital. Pero, que se pode dicir nos últimos anos a favor? Pódese dicir que non limpou, non hai mantemento, vense comercios pechados, escaparates baleiros... Ribeira vai a peor. É difícil atopar un negocio que viñese que non fose o McDonald’s.

—Cales son as súas aspiracións nas vindeiras eleccións?

—O obxectivo é claro, sacar ao PP do Concello de Ribeira. Levan 32 anos mangoneando e isto ten que parar. Hai que recordar que nas últimas eleccións Ruiz non gañou. A maioría dixo que non o quería como alcalde, o que é un indicativo moi claro. O Partido Popular está de prestado na alcaldía. A dereita non ten credibilidade, das catro grandes obras que dixo que ía facer, non fixo ningunha. Non ten nada que ver o panorama de hai catro anos co de agora.

—Analizando a situación actual, que considera que debe cambiar?

—Ten que haber máis preocupación pola cultura. Hai rapaces que estudan aquí e logo marchan sen ver unha obra de teatro na vida. E tamén hai que achegala ás parroquias, ás que lle hai que dar servizos. Logo o mantemento das rúas e dos parques, hai cousas que se caen de vellas. E o centro de saúde, como está? Haberá que atendelo mentres se espera por outro novo.

—Cre que lle pode pasar factura a tardanza en darse a coñecer como candidato?

—O PSOE sempre xera expectación, porque é o partido con máis historia. O raro sería que non houbese importado. Estamos contentos co equipo formado, novo e preparado.

—A que debe aspirar Ribeira?

—Ten que ser máis ambiciosa, mirarse nas cidades. Deixar de ter o certo complexo que parece ter e aspirar a ser unha cidade. Para iso ten que dispor dos servizos correctos, como un bo transporte público.