Tan solo quen pertenceu a unha comisión de festas pode coñecer o enorme esforzo de tal actividade. Non é o meu caso. Así que, como simple veciño de Palmeira, permítome darlle as grazas aos que con tanto esforzo agora, e antes con Sesito á fronte, levaron a cabo tan meritoria e sacrificada organización.
Dito o que antecede, gustaríame facer unha análise do que tradicionalmente coñecemos como festas de Palmeira; desas datas de celebración que foron variando co tempo dende aquelas que se facían no mes de setembro na honra dos santos: San Antón, a Virxe do Rosario, a Virxe do Carme e tamén na honra de Santa Bárbara (por aquilo do tradicional medo aos raios e tronos, digo eu); e xa máis tarde, viñeron as festas de San Xoán coas tradicionais e insuperables fogueiras. Por certo que o pobre de San Pedro, patrón da nosa parroquia, ata onde eu me lembro, nunca tivo unha festa digna de destacar.
Aquelas festas, como a maioría das festas dos pobos, que eran punto de encontro dos veciños de aquí e de acolá, foron cambiando cos tempos; do mesmo xeito que o fan as orquestras cos seus impresionantes escenarios, xogos de luces, vistosos traxes e fumaredas artificiais.
Pero ai! —enténdase como queixa e lamento—, os veciños que contribúen coas súas achegas económicas a que se poidan contratar tan espectaculares orquestras, xa non as poden ver nin desfrutar delas como se facía antes. As modas cambiaron para mal; e agora, os bares do porto onde se fan as festas, retiran as mesas e cadeiras das terrazas. Deses espazos públicos que ocupan con permisiva demasía desde a bula gratuíta do covid.
Deste xeito, as persoas que non coñeceron a idade do botellón e non lles apetece arrimarse a unha das múltiples barras que poñen os bares do lugar, teñen que intentar ver as atraccións de pé.
Saben que lles digo? A min e a moitos outros danos a impresión de que os bares pensan que as festas son algo que tan só lles compete a eles e que están feitas para encheren os seus petos, sen importarlles o benestar das persoas do pobo que, coas súas achegas, fan posible a celebración das festas. Esas festas que están pensadas para que os veciños e visitantes desfruten duns días de ledicia e non para que os establecementos hostaleiros fagan o que lles pete; pechando parte das súas instalacións e ocupando lugares públicos que non lles corresponden.
E para rematar. Se houbese un par de urinarios públicos para dar satisfacción ás necesidades fisiolóxicas —a praia do Baluarte e as rúas non son mexódromos— daríalle os meus parabéns aos membros da comisión. Pero por isto, e pola parte de responsabilidade que puideran ter no asunto das terrazas, coido eu que son meritorios dunha tarxeta amarela. E aos bares do porto? Sen dúbida algunha, roxa directa.