
Oartigo 21 da Constitución española de 1978 garante o dereito á reunión pacífica da cidadanía, «sen armas e sen necesidade de autorización previa», excepto se se ocupasen lugares de tránsito público, cando se requirirá comunicación previa á autoridade competente quen, en todo caso, pode prohibilas se observara posibilidade de alteración da orde pública. Enténdese que na manifestación celebrada este pasado sábado en Aguiño para reclamar, outra vez máis, o servizo médico ó completo, estes requisitos estaban cubertos, pois, o goberno municipal, presidido polo BNG e o PBBI, vén reclamando, manifestación tras manifestación, tanto en Aguiño como en Santiago, este dereito, sen dúbida, de xustiza para a parroquia máis habitada do municipios, con 2.846 habitantes, despois de Ribeira, con 13.710, segundo os datos do INE de 2023.
O que o goberno local non acada nos despachos trata de facelo a traveso da presión cidadá como estratexia política e, á súa vez, ridiculizar ou sacarlle méritos a unha oposición imberbe, despois de 32 anos gobernando, desde 1991 ata 2023.
Despois destas ostentacións públicas, quen goberna debería aproveitar para informar de como está a cesión dos terreos ó Sergas para construír o novo centro de saúde na capital do concello, xa varias veces solicitada pola Xunta, un tema do que nada se sabe. Gobernar non é tarefa doada, facelo detrás dunha pancarta amosa incapacidade de entendemento entre administracións, que afecta ós indicadores de calidade de vida da cidadanía. Ribeira non merece que a ignoren. Aguiño, tampouco. Nin polo concello nin pola Xunta.