
A árbore procede dos xardíns da vivenda da escritora na Matanza, convertida en museo
19 feb 2025 . Actualizado a las 15:31 h.O xardín situado a carón da Casa da Xuventude de Ribeira conta desde este mércores cunha figueira na honra de Rosalía de Castro. O exemplar procede da vivenda da escritora situada na Matanza e convertida en museo, ademais de en sede da fundación encargada de difundir a súa obra. Precisamente o presidente desta entidade, Anxo Angueira, desprazouse á Santa Uxía coa árbore para participar no acto institucional, que incluíu o descubrimento dunha placa conmemorativa.
Foi Angueira tamén o que propiciou que os versos da escritora cobraran de novo vida para deleite dos presentes, entre os que había un nutrido grupo de alumnos de primaria do colexio Galaxia. Referiuse á figueira como «o símbolo de irmandade entre a casa de Rosalía e o pobo de Ribeira» e agradeceu a colaboración que está atopando no Concello, que apadriñou o último número da revista Follas novas.
Anxo Angueira lanzou un desexo aproveitando a súa visita: «Que esta figueira prenda en Ribeira, prenda nos corazóns dos nenos o amor pola nosa lingua, a nosa cultura e a nosa terra».
O rexedor local, Luís Pérez, pola súa banda, destacou a valentía de Rosalía: «No tempo que viviu ninguén escribía en galego e ela quixo reivindicar a nosa lingua». Aproveitou para mencionar a crise que atravesa o idioma, tal e como se reflectiu nas últimas estatísticas dadas a coñecer, e avogou porque as Administracións públicas promovan o seu uso.
Tamén destacou da homenaxeada o seu carácter feminista e o esforzo na defensa das clases máis humildes, como os labregos e os mariñeiros: «Foi un símbolo de resistencia e esperanza».
O gaiteiro Alberto Millán encargouse de poñerlle a nota musical á xornada.
Os actos promovidos polo Concello de Ribeira con motivo do Día de Rosalía continúan hoxe cun concerto e recital de María Faltri, que ten como destinatarios aos estudantes de primaria do municipio. O espectáculo terá lugar ao mediodía no auditorio.