O gran descoñecido Manuel Acuña y Malvar e o seu legado en San Paio de Carreira

XOSÉ MARÍA FERNÁNDEZ PAZOS

RIBEIRA

Pola influencia do arcebispo Sebastián Malvar y Pinto (na imaxe), Manuel Acuña obtivo o beneficio de Bastabales, que marcou o inicio da súa carreira eclesiástica.
Pola influencia do arcebispo Sebastián Malvar y Pinto (na imaxe), Manuel Acuña obtivo o beneficio de Bastabales, que marcou o inicio da súa carreira eclesiástica.

Destacou polo compromiso social e a defensa dos dereitos dos mariñeiros para mellorar as condicións de vida da localidade

08 mar 2025 . Actualizado a las 12:52 h.

Manuel Ignacio de Acuña y Malvar, do que se cumpren 180 anos do seu pasamento, foi unha figura clave na historia de Galicia de finais do século XVIII e principios do XIX. A súa traxectoria, marcada polo seu compromiso co liberalismo e a defensa dos dereitos dos máis desfavorecidos, deixou unha pegada significativa en diversas localidades, entre elas San Paio de Carreira debido o seu destacado labor pastoral e a defensa dos intereses dos seus veciños.

Oríxes e Formación. Nado en Matalobos, na parroquia pontevedresa de San Martiño de Salcedo, o 16 de abril de 1757, Manuel Acuña y Malvar proviña dunha familia da nobreza galega. Estudou Teoloxía nas universidades de Salamanca e Oviedo, onde adquiriu unha sólida formación académica. En 1785, grazas á influencia do seu tío, o arcebispo Sebastián de Malvar y Pinto, obtivo o beneficio de Bastabales, o que marcou o inicio da súa carreira eclesiástica.

Párroco de San Paio de Carreira (1789-1792) e o litixio por Sálvora. En 1789, Manuel Acuña y Malvar foi nomeado párroco de San Paio de Carreira. A pesar da súa breve estancia de catro anos, ata 1792, deixou unha pegada na freguesía onde destacou polo seu compromiso social e a súa defensa dos dereitos da clientela, especialmente dos mariñeiros locais promovendo amais iniciativas para mellorar as condicións de vida da comunidade. Así solicitou ao rei Carlos IV a redistribución de terras baldías en zonas como Couso e a illa de Sálvora, co obxectivo de entregalas aos veciños de Carreira para o seu cultivo.

Episodio notable

Un dos episodios máis notables da súa xestión foi o litixio contra o que se di propietario do arquipélago, Vicente Caamaño, que pretendía establecer unha almadraba de atúns preto da illa de Sálvora. Acuña y Malvar defendeu con firmeza os intereses dos pescadores locais. O proxecto xerou un conflito que enfrontou o párroco cos intereses da nobreza local e incluso involucrou á igrexa compostelá sobre a propiedade da illa. A súa firme oposición a este proxecto e a súa defensa dos dereitos dos pescadores de San Paio, puxeron de manifesto o seu compromiso coa xustiza social e a súa determinación para defender os intereses da súa comunidade.

Tal como recolle o autor na súa obra Sálvora, memoria dun naufraxio. A traxedia do Santa Isabel, Acuña y Malvar logrou deter temporalmente o proxecto da almadraba, grazas á súa influencia e á súa capacidade de mobilización. O seu nomeamento como cóengo pararía as reclamacións dado que os veciños quedaron sen quen os defendera e Caamaño volveu á carga sobre xa a propiedade da illa e a explotación das súas augas. A sentencia da coroa con varias reservas ás partes, fan que o expediente morra en 1798 co derradeiro informe no que se recollen varias reservas.

A propiedade da illa aparece novamente citada como dote de matrimonio en 1820, concretamente o 13 de febreiro hai 205 anos, entre Isabel de Mariño que se di titular da illa e Ruperto de Otero, momento en que o arquipélago de Sálvora pasa á Casa de Otero aumentando o seu patrimonio.

Historiador. Cronista oficial de Ribeira