«Lomba de Posmarcos»

ANTONIO PIÑEIRO

RIBEIRA

<span lang= gl >O cadro de Silva, na Mostra de Mulleres Creadoras de Ribeira</span>
O cadro de Silva, na Mostra de Mulleres Creadoras de Ribeira

28 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Entrei á última mostra do Lustres Rivas seguro de que ía atopar outro deses momentos de desfrute aos que nos ten afeitos. Era unha escolma de autoras barbanzás. A expectativa confirmouse. Un acerto, no seu conxunto pero, de entre o que decontado me chamou a atención, esta belísima Lomba de Posmarcos, de Esperanza Silva. Por iso quero destacar, de entrada, unha dobre gabanza: a da forza atraente da obra e mais a do éxito da segunda cita deste tipo na sala que, xa imprescindible, a seleccionou e acolleu desta volta.

A ollada memorística de Esperanza Silva flúe nun xogo de cor, determinación primeira e mesmo cómplice das gamas do pigmento acrílico. A cor é o fundamento, poida que ao carón da idea (emoción e lembranza das contornas vitais da artista a través da paisaxe florida), pero axioma, fío da obra na súa vontade orixinaria.

O acrílico, técnica de frescura e inmediatez, engade esa veracidade da intuición, da primeira impresión que, consonte a iso, quixera salientar na que a min me produciu persoalmente. A forza dunha obra tamén se mide en subxectivo, tamén coas volatilidades do contexto e do estado de ánimo, e a súa entidade acada a excelencia cando é quen de unir esa sensación á súa lectura estética demorada.

A imaxe remítenos a un lugar concreto. Tráenos un intre. Tráenos un tempo canda unha sensación. Así se puxo no catálogo. E quizais sexa esta a ocasión idónea para atopar nas propias palabras de Esperanza Silva o manifesto de todo un sentido artístico. Refírome ao amplo espectro do non figurativismo. Á súa liberdade. Refírome, xunto con el, á poética da memoria e á presenza autorial que sempre concita. Refírome á mesma poética da observación. Porque a da arte é unha comunidade de veciños e cotas diverxentes: quen realiza, quen olla, quen media, quen explica… A eficacia da obra está na capacidade de conxugalos.

Coido que, nesta de Esperanza Silva, faino coa sutileza das tonalidades crebadas; con ese chisco de vivacidade a agromar nuns focos concretos, os vermellos da rexión superior esquerda, ou os prusias e brancos que organizan a chamada concéntrica da composición; co atinado emprego das xeometrías e a estrutura organizada pola propia cor; coa suxeición agochada na representación floral que orienta todo o conxunto.

Dúas consideracións importantes da beleza son a harmonía e o equilibrio. Os dous se atopan claramente neste magnífico traballo de Esperanza Silva.

A Lomba de Posmarcos estivo cara ao público, como digo, na sala de exposicións do Centro Cultural Lustres Rivas, canda a escolma reunida baixo o título de II Mostra de mulleres creadoras de Ribeira, cita á que lle desexamos tanta fortuna e continuidade como multiplicación aos logros no camiño artístico de Esperanza Silva.