As forzas que moven o mundo

RIBEIRA

Bernardo Codesido

Entre o Primeiro de Maio, as deliberacións papais e o apagón do luns, todo son esperanzas e reclamacións, as dúas forzas que moven o mundo

03 may 2025 . Actualizado a las 10:46 h.

Entre o Primeiro de Maio, as deliberacións papais e o apagón do luns, todo son esperanzas e reclamacións, as dúas forzas que moven o mundo.

Dicíanos Xulio que, aínda que o Vaticano xa non ten lexións nin escuadras para impor o seu criterio, ten influencia na enorme cantidade de fieis que aseguran crer na infalibilidade do Papa, por iso, á espera das primeiras decisións de quen queira que sexa o substituto de Francisco, agardamos por unha persoa con voz clara e rotunda para influír nesas políticas belicistas que, coma no salvaxe Oeste, queren exterminar a todo un pobo armando ós colonos con pistola ó cinto, expropiar minas ou montar industrias para converter os nosos mares nunha enorme cañeira chea de refugallos, sen vida nin esperanza. Que, por certo, a Igrexa, promotora do consumo de peixe en certas datas, ¿nunca ten nada que dicir sobre vedas, artes de pesca ou mesmo Altri?

Por aí andan algunhas expectativas e esperanzas, as primeiras veñen dadas e as segundas creámolas. Á fin, a ilusión é iso que nos dá forza cando nos invade o desánimo, e días claros e negros son incontábeis ó largo do ano. Un simple cable mal pelado pode deixarnos a dúas velas.

Xulio, tan amigo de reducir todo a unha expresión matemática, di que se se puidese aplicar unha fórmula coma a de Newton ou a de Coulomb, os termos para calcular a forza das esperanzas, variarían segundo cada quen, intervindo valores como o espazo ou lugar en que se aplica e a intensidade dos desexos, os cales, por moi fortes que sexan sempre están condicionados, como Xaquín Marín nos ten ensinado tantas veces neste periódico, por un pé disposto a esmagarnos en canto nos erguemos un pouco, aínda que só sexa para demostrar que contra o empuxe das esperanzas sempre está a forza das necesidades, e estas son, case sempre, impostas para facernos sentir o desconsolo da realidade; por exemplo, cando queremos saír de vacacións e sube o prezo da gasolina, cando temos a neveira chea e un apagón bótanos a perder a subministración do mes.

Pero, por ser optimistas, os que degustamos tantas veces o bocata de polbo da de Gildo, na Pobra, tamén agardamos que o que se fai no Golimbreo, en Ribeira, sexa recoñecido como se merece, como o mellor bocata do mundo, sobre todo polo ben dos veciños naseiros e con eles das peixeiras, conserveiras e todos os que nos permiten gorentar eses manxares.

Con todo, hai que recoñecer que a forza das esperanzas non deixa de estar rodeada de variábeis que se modifican co tempo ou con un imprevisíbel luns a escuras, e a converten nunha forza débil, ou máis ben delicada e incluso insegura, mentres que a das necesidades, sendo máis propia dos que Cristo definiu como pobres, mansos, ou os que choran e padecen fame e sede de xustiza, é a máis forte de todas, e desgraciadamente tamén a máis inútil, pois é a que nos obriga a saír cada Primeiro de Maio para pedir o de sempre: pan, xustiza e liberdade.

Aí están as forzas que rexen a nosa existencia, sempre compaxinadas nesa acción e reacción que nos explicaba Newton nos primeiros libros de texto que pasaron polas nosas mans.