














Recibiron un recoñecemento con motivo do Día Internacional da Muller no sector do Mar
16 may 2025 . Actualizado a las 19:30 h.Nove redeiras traballan en Aguiño na reparación dos aparellos de pesca da flota do cerco. Incansables, sentadas ou de pé, cos ollos atentos para remendar ata o mínimo deterioro, desenvolven o seu labor nunha nave que precisa con urxencia da renovación da cuberta, no peirao ou, se fai falla, na propia embarcación. Elas foron as homenaxeadas en Ribeira con motivo do Día Internacional da Muller no sector do Mar. O concelleiro Fernando Abraldes explicou no acto de recoñecemento que «son vitais para un sector como o cerco. Son mulleres invisibles que desenvolven un traballo esencial para sete embarcacións con base en Aguiño e Ribeira».
As distinguidas foron Berta Paz, Alicia Dios, Montse Reiriz, Pacucha Crujeiras, Clara Muñiz, Pacucha Ferreiro, Sonia Olveira, Sonia Martínez e Manolita Vázquez. En nome delas falou Berta Paz, mestra de redeiras cunha ampla traxectoria. Reclamou a subsanación das carencias na instalación na que levan a cabo o seu cometido. A profesional animou á xente moza a interesarse por este oficio subliñando que é moi bonito.
Nun encontro que tivo lugar no Museo Municipal de Ribeira e que contou coa presenza de representantes políticos; do mar, entre eles o capitán marítimo de Vilagarcía, Andrés Pérez, e de diversas entidades do municipio, o rexedor, Luís Pérez Barral, dirixiuse ás redeiras indicando que non traballan só coas mans, «senón tamén coa alma». Subliñou que non sempre se pensa que os aparellos teñen que estar en perfecto estado para que as embarcacións saian faenar: «Sen vós, os barcos non traerían peixe».
Un dos aspectos postos en valor foi que durante moito tempo o traballo das redeiras no tivo visibilidade: «A igualdade non é unha data, senón un camiño que se percorre todos os días», expresou Pérez Barral.
Cada una das homenaxeadas recibiu unha figura conmemorativa da data e o agarimo de tódolos asistentes.