A moura

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

RIBEIRA

Leyenda de la Moura da Serpe en el castro de Negros en Redondela

03 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

moura é un ser mítico galego e portugués, e aparece nalgunhas tradicións do occidente asturiano. Trátase dunha figura feminina que mestura elementos de fada, meiga e espírito ancestral, moi presente nas lendas populares e ligada a lugares concretos da paisaxe como castros, fontes, penedos e covas.

Froito da tradición oral secular, a estes seres atribúenselle poderes sobrenaturais capaces de modelar a paisaxe e o territorio da nosa terra. Grandes penedos como a pedra cabalgada, os penedos do namoramento ou as construcións pétreas de Couso, en Aguiño, non serían posibles sen a acción deste ser mítico. É a explicación popular a xeografías míticas das que non se teñen datos científicos.

O que non quere dicir que un mito non sexa un feito científico. Un feito científico é observábel, obxectivo, verificable, medible, refutable, e forma parte dun sistema lóxico e baseado en evidencias. Sen estas condicións, o feito pode ser interesante ou mesmo verdadeiro, pero non pertence ao ámbito da ciencia.

Dise que as mouras habitan en castros, mámoas, fontes, covas ou castelos, e o seu mundo é paralelo ao noso. Aparecen en certas datas e adoitan protexer riquezas ocultas ou agasallos máxicos que só se poden conseguir desfacendo o seu encantamento. Son a alma dos montes, das augas e das pedras, e a través da transmisión oral, forman parte do inmaterial, cheo de ensinanzas morais ou explicacións do territorio.

Transmiten coñecemento prohibido e máxico, en especial sobre natureza, futuro ou tesouros. Están presas baixo un feitizo, que para liberalas necesita superar una proba.