
Igrexa, Concello, confraría e o tecido asociativo unen forzas no día dedicado á Virxe do Carme, que volverá a navegar
02 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Como pobo mariñeiro que é, Ribeira dedícalle un dos días das súas festas grandes á Virxe do Carme. E nesa xornada, a misa e a procesión marítima son dúas das actividades destacadas, tanto pola súa relevancia como pola alianza que hai detrás da organización. A parroquia de Santa Uxía e o Concello únense a asociacións como Alfaia e Amas de Casa, e incluso a veciños que prestan a súa axuda a título individual para renderlle unha gran homenaxe á patroa dos mariñeiros.
Os preparativos empezan coa adecuación do espazo no que ten lugar a misa solemne, no interior da lonxa, e coa promoción dos actos: «Non fai falla moita, porque a vocación pola Virxe do Carme está moi arraigada aquí», recoñece o párroco local, Alfonso Mera.
Hai xa tempo que está designado o grupo de persoas que portarán a imaxe e tamén a embarcación que a levará na singradura pola ría de Arousa: Rinchador. Nese barco viaxará a coroa de loureiro que á chegada ás inmediacións da illa de Rúa será lanzada ao mar. «Non só é un día de festa, tamén é de lembranza dos que xa non están», recalca o sacerdote para poñer de relevo a importancia que teñen os actos e a emotividade que os rodea.
Está previsto que, como en anos anteriores, un feixe de embarcacións, grandes e pequenas, se sumen a este percorrido marítimo. É a forma que teñen os mariñeiros de amosarlle respecto á Virxe do Carme e de rogarlle protección para as travesías futuras.
Devoción contaxiosa
Aos actos na honra da patroa dos mariñeiros sumaranse tamén moitos veciños. O propio Alfonso Mera recoñece que a devoción pola Virxe do Carme é contaxiosa. Explica que o sabe por experiencia propia: «Non sentía esa paixón cando me ordenei como sacerdote, pero fun adquiríndoa co meu paso por diferentes parroquias, tanto de costa como de interior, vendo o sentir da xente e poñéndome tamén na pel dos mariñeiros, que pasan tanto tempo fóra, moitos en situacións complicadas, e das familias. Conecto moito con todos eles».
Sumándose á tripulación das diferentes embarcacións que arrouparán a imaxe no seu percorrido pola ría de Arousa ou admirando a procesión desde o peirao, seguro que volverán a ser moitos os ribeirenses e os visitantes que gocen da actividade principal do sábado das festas de Ribeira. «É unha celebración na que festa e relixión van da man», sinala Alfonso Mera. Quizais por iso, a festividade do Carme transcende do plano relixioso para erixirse como una das grandes citas en pobos mariñeiros como é o caso de Ribeira.