O abandono

Ciprián Rivas VELAÍ

RIBEIRA

O castro pasa desapercibido ao non contar con ningún indicativo de acceso.
O castro pasa desapercibido ao non contar con ningún indicativo de acceso. Ciprián Rivas

Ribeira conta cun dos castros máis antigos de Galicia, situado entre as parroquias de Carreira e Artes: o Castro da Cidá.

13 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Ribeira conta cun dos castros máis antigos de Galicia, situado entre as parroquias de Carreira e Artes: o castro da Cidade. Esténdese sobre dúas hectáreas de terreo e consideran os expertos, ó fronte dos cales estivo o arqueólogo Miguel Ángel Vidal, natural de Castiñeiras, que a súa construción corresponde á Idade do Ferro, entre os séculos VI e VII a. de C, dato obtido despois de realizar as probas do carbono catorce.

A tala descontrolada de árbores, o roubo de pedra para a construción de casas (inda hoxe podemos apreciar nalgunhas laxas os buratos onde se colocaba a dinamita) levou ao derrube dunha parte da muralla que protexe as vivendas, recuperadas polos científicos implicados nos traballos de restauración. Sacaron á luz 14 estruturas de formas variadas circulares, rectangulares, cadradas que albiscan un modelo de urbanismo diferente dentro da cultura castrexa. Desde o castro a vista alcanza a ría de Arousa e a ría de Muros-Noia, constituíndo un miradoiro natural dos máis fermosos da nosa terra.

Debaixo del, a Pedra da Rá recibe visitantes de todos os puntos cardinais da nosa xeografía. O castro, só un pouco máis arriba, pasa desapercibido ao non contar con ningún indicativo de acceso. Para alcanzalo hai que esquivar toxos e maleza desordenada, coidando de non escorregar ao transitar un camiño irregular. En xuño de 2024, o alcalde de Ribeira, o concelleiro de turismo e o deputado de cultura da Deputación da Coruña xiráronlle visita para comprobar as necesidades deste patrimonio histórico. Sigue tan abandonado como daquela. Se non poñemos en valor o que temos ninguén o fará por nós.