José Carlos Vidal: «Estas festas enraízan moi ben co modo de ser dos pobrenses»
RIBEIRA
O alcalde destaca a presenza dos xigantes e cabezudos, pois é a única ocasión do ano para velos bailando polas rúas do pobo
16 ago 2025 . Actualizado a las 18:16 h.José Carlos Vidal (Ribeira, 1957) afronta o seu terceiro Carme dos Pincheiros como alcalde xa con certa experiencia ás súas costas e o convencemento de que, como cada ano, estas festas que atraen a centos de visitantes, volverán ser un éxito, pois teñen todos os ingredientes para conseguilo.
—As festas do Carme dos Pincheiros colleron moito auxe nos últimos anos. Onde está o segredo?
—Son unhas festas que enraízan moi ben co modo de ser dos pobrenses. A verdade é que son unhas festas moi tradicionais e as persoas buscan de novo esas tradicións, pois enseguida séntese identificadas. Por exemplo, co tema dos cabezudos, a xente está moi pendente deles. Estas son as únicas festas nas que realmente se poñen en valor. E a ese arraigo de hai tantos anos para os veciños da Pobra súmanse os turistas que visitan o noso pobo, que cada vez son máis.
—Cales son os pratos fortes desta edición dos festexos?
—O programa fano case exclusivamente a comisión de festas; nós dende o Concello organizamos o venres e lle damos unha subvención de 35.000 euros ao colectivo. Os pratos fortes son os de todos os anos, o máis característico son os cabezudos e a procesión. Esta e a do Nazareno son as procesións máis importantes que celebramos no noso concello. Despois está a Brilat, que ten os seus incondicionais que enchen o pobo nese momento que van desfilando, e despois fan a interpretación, normalmente no Cantón da Leña. Tamén están as bandas e os conxuntos musicais, que son moi bos en xeral.
—Os San Juerguines, dende que un grupo de mozos os rescatou, foron medrando cada ano a pasos de xigante.
—Si, cada ano adquiren maior e maior importancia. O ano pasado foi unha pasada toda a xente que moveron e supoño que este ano imos estar nesa mesma dimensión. Hai unha xente estupenda traballando detrás que normalmente fala coa concelleira de Cultura. Despois, por suposto, a concelleira de Servizos Municipais, que tamén se involucra moito. Hai que implicar a moitos departamentos á hora de organizar e iso é complicado. Acode moita xente en masa e o despregue de seguridade considerámolo moi importante. Ademais de Protección Civil, que aquí na Pobra funciona moi ben, nesas datas solemos ter axudas doutros concellos. Á parte, por suposto, da Policía Local, que ten servizos especiais durante todos os días de festa.
—Que novidades destacan no programa deste ano?
—A estrutura do programa é similar á de anos anteriores, cos San Juerguines o sábado, a procesión o domingo e os fogos de artificio o luns. Segue o mesmo equipo na comisión, polo que continúa a mesma liña. As festas están moi ben organizadas e pensadas.
—As pregoeiras deste ano son as veteranas do Club de Remo Puebla, un recoñecemento moi merecido.
—Si. Estamos seguros de que vai ser un pregón magnífico. A xente quere moito ó club de remo, e sen desmerecer en absoluto a ningúns outros compoñentes da entidade, as veteranas con un equipo xenial, están sempre cheas de ilusión e motivación e ademais están conseguindo uns logros moi importantes. Penso que son moi merecedoras de facer o pregón.
—En canto ao aparcamento, que zonas se recomendan empregar durante as festas?
—Para estas festas pedimos colaboración a Gadis para utilizar o aparcamento do Areal e sempre obtemos unha resposta positiva. Nunca nos cansamos de agradecer esa disposición porque nos soluciona moitos problemas. Tamén temos o estacionamento do final de Venecia, un pouco antes de onde estaban as naves.
«Preocúpame o ruído, pero é difícil de xestionar»
José Carlos Vidal anima á poboación local e visitante a gozar das festas do Carme dos Pincheiros. El tamén as desfruta como veciño que é do pobo, aínda que confesa que esa responsabilidade como alcalde nunca chega a desaparecer.
—Como vive José Carlos Vidal como veciño as festas dos Pincheiros? Como alcalde evidentemente supoñen moitísimo traballo de organización e coordinación.
—Eu creo que como a inmensa maioría dos veciños e veciñas; eu son un veciño máis. Encántame saír a escoitar a algún dos conxuntos, pero evidentemente tamén son alcalde, entón digamos que hai esa responsabilidade detrás que custa desfacerse dela. Pero desde logo vívoas con moita ilusión, aproveito para pasalo ben, pasear, comer coa familia e estar cos amigos.
—Que lle diría aos visitantes que están indecisos sobre si desprazarse ou non á Pobra para gozar destas festas?
—Que non o pensen dúas veces. Para os que acoden por primeira vez ou están pensando se paga a pena vir ata aquí, que non o dubiden, pois estou seguro de que van desfrutar e van ser moi ben acollidos porque a xente da Pobra sempre abre os brazos para recibir aos visitantes.
—Como se presenta este ano o tema do ruído? Tanto no que se refire ás bombas de palenque como ás atraccións.
—Gústame que me faga esta pregunta porque é un tema que soe pasar desapercibido. Son moitas as queixas que recibimos por este asunto. O ruído non só afecta aos animais, senón tamén a moita xente con problemas de saúde, de avanzada idade ou rapaces con autismo. A primeira persoa que recibín como alcalde foi a unha nai que me expuxo que tiña que levar ao seu fillo de aquí cada vez que había festas porque comezaba a gritar e non era capaz de soportar eses ruídos. Non quero dicir que se prohíba a pirotecnia, pero ao mellor na nosa época xa non ten moito sentido. Quero dicir que paréceme ben que se boten pois dez bombas sen moita intensidade pola mañá para anunciar as festas, pero o de estar botando bombas todo o día... Preocúpame todo o tema do ruído, pero é algo moi difícil de xestionar e de solucionar.
—É un asunto controvertido.
—É moi complicado de solucionar por parte unicamente da Administración, pois aquí tamén teñen que ter a súa intervención as comisións de festas, que son as que teñen que concienciarse; no Concello estamos totalmente concienciados.