Monte Tahúme

Ciprián Rivas VELAÍ

RIBEIRA

Vista do Tahúme desde Couso, Aguiño, baixo un mar de nubes
Vista do Tahúme desde Couso, Aguiño, baixo un mar de nubes CIPRIÁN RIVAS

03 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Un vello dito popular lémbranos que todo ao que lle da sombra o monte Tahúme é bo. Bosques frondosos, á beira do concello de Ribeira, acollendo as parroquias de Olveira da Iglesia, á que pertence o lugar da Cucheriza; a de Bretal, berce onde se asenta o dolmen de Axeitos, ademais dun menhir encontrado nunha escavación preto de onde hoxe se atopa, formando parte do xardín dun veciño.

Polo concello de Porto do Son, o monte Tahúme limita con Seráns, Espiñeirido, San Pedro de Muro, lugares onde se expande o océano Atlántico máis aló do fin do mundo, tendo como testemuña As Basoñas.

O Tahúme, con 242 metros de altura, domina as paisaxes do litoral das comarcas do Barbanza, Muros e Noia, expande a súa mirada polo parque dunar de Olveira-Corrubedo, e ofrece ao visitante unha impresionante vista sobre o Parque Nacional das Illas Atlánticas mirando cara a Ribeira. Cambiando á banda de Porto do Son, ábrense monte Louro, Carnota, Fisterra e o saliente do castro de Baroña.

Dentro do seu terreo acolle a pequena ermida de San Bieito, que cada 2 de xullo celebra a súa romaría á que se achegan romeiros das dúas comarcas, para curar as espullas, mentres se poxan ovos, galos e galiñas ao remate de cada misa.

Os vellos do lugar aseguran que ao lado do monte Tahúme hai dous castros, A Eira dos Vivos, un; e A Eira dos Mortos, outro. Nunca foron escavados, pero dos que se sacaron pedras para construír muros que limitan leiras e casas da contorna.

O Tahúme é un dos nosos olimpos celtas.