Obxectivo: que a identidade cultural traspase xeracións

M. L. G. RIBEIRA / LA VOZ

RIBEIRA

MARCOS CREO

Está previsto que a Ruada do Traxe de Ribeira case duplique a asistencia doutras edicións

13 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Fai cinco anos a asociación de amas de casa de Ribeira decidiu poñer en marcha a Ruada do Traxe, unha iniciativa para que as distintas vestimentas tradicionais dos nosos devanceiros non caeran no esquecemento. «Tiñamos moito interese en promover os traxes galegos e manter vivas as nosas orixes e o noso pasado», comenta a presidenta do colectivo, Puri Cores, que avoga por que a nosa identidade cultural perdure xeración tras xeración.

Así, cada ano na festividade de Santa Uxía, patroa de Ribeira, as rúas da capital barbancesa transfórmanse nunha singular pasarela ao aire libre pola que desfilan nenos e adultos ataviados con distintas indumentarias tradicionais. Como di Puri, «non fai falta que veñan coas súas mellores galas», pois o evento non está limitado ao conxuntos más cerimoniosos, senón tamén aos de pescantina ou de cotío, entre moitos outros. «Todos son importantes», recalca.

Da carpa municipal ao auditorio

O pasarrúas partirá esta tarde ás 18.30 horas da carpa municipal e percorrerá distintas rúas do centro da cidade ata chegar ao novo auditorio, onde intercalaranse actuacións musicais das distintas agrupacións participantes con pequenos desfiles. A maioría son de Ribeira, aínda que tamén hai outras da contorna e mesmo unha chegada desde A Coruña.

A Ruada do Traxe deu nesta quinta edición un salto cuantitativo moi importante, xa que está confirmada a presenza dunhas 200 persoas vestidas con distintos traxes, formando así unha amalgama de cores que, de seguro, non deixará a ninguén indiferente. Trátase dunha afluencia que supera en medio cento de asistentes á do ano pasado.

A participación está aberta a toda a poboación. As persoas que non se anotaran aínda están a tempo de formar parte desta exaltación dos traxes tradicionais na súa máxima expresión. Poden facelo hoxe mesmo no punto de partida do desfile, na rúa de Galicia. A asociación de amas de casa deixou uns 70 traxes para o evento.

O concerto de Kiko Veneno pon o colofón ás festas

As festas de Santa Uxía chegan esta noite á súa fin co concerto de Kiko Veneno, que actuará a partires das 23.00 horas nun escenario que se montará na praza do Concello.

Veneno é unha recoñecida figura da música nacional, gañador de premios como a Medalla de Oro al Mérito en las Bellas Artes ou o Premio Nacional de Músicas Actuales, entre outros. Artífice dunha mestura de flamenco, rock e pop, é autor de temas como Volando voy, un dos máis coñecidos.